A cidade portuguesa de Braga acolle unha nova presentación da "Festa do pulpo"
O presidente da cámara municipal de Braga, Ricardo Río, invitou aos bracarenses a visitar O Carballiño o domingo 14 de agosto para vivir a Festa do Pulpo.
O rexedor da antiga cidade romana Brácara Augusta compartiu co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, a presentación da Festa do Pulpo, durante un acto que se desenvolveu ao mediodía na céntrica Plaza da República desta cidade do norte de Portugal.
Río loubou a iniciativa do Carballiño e amosou o seu orgullo por recibir ao alcalde do Carballiño e promover a divulgación dos recursos da vila entre os bracarenses.
Pola súa parte, Francisco Fumega, agradeceu a deferencia pola acollida e por permitir promover a Festa do Pulpo nun lugar tan emblemático de Braga como é a Plaza da República, e destacou a importancia de intensificar a relación entre as cidades e vilas da Eurorrexión co obxectivo de intercambiar experiencias e sobre todo para promover o coñecemento do patrimonio histórico-artístico e cultural entre os veciños de ambas poboacións.
Como un elemento diferenciador deste patrimonio, Fumega expuxo as cualidades da Festa do Pulpo e a vinculación deste produto do mar co Carballiño, unha cuestión que chama moito a atención en Portugal.
Ao remate do acto, que estivo amenizado por un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas do Carballiño, servíronse unhas tapas de pulpo, acompañadas de pan de Cea e viño do Ribeiro.
Con este acto, remata o programa de promoción da Festa do Pulpo en Portugal, que se realizou en tres das cidades lusas máis importantes da Eurorrexión, como son Viana do Castelo, Vila Nova de Gaia e Braga.