Do PSdG de Leiro sobre o mantemento dos colectores da recollida de lixo no municipio
Os socialistas de Leiro, consideran intolerable o estado no que se atopan os contedores do lixo existentes no Concello, máxime cando se están a destinar fondos públicos á Mancomunidade do Ribeiro por este mantemento e limpeza.
A situación, denunciada en numerosas ocasións, parece non mellorar e só se agrava co paso dos meses de verán e calor. Por isto mesmo, o Grupo Municipal Socialista, a través do seu Portavoz, Manuel Rodríguez, rexistrou unha solicitude na que reclama as copias dos albaráns dos traballos de limpeza dos contedores do lixo efectuados pola Mancomunidade do Ribeiro, durante os meses de marzo, abril, xuño e xullo do presente ano. As evidencias falan dun estado deplorable, con contedores suxos e desbordados, namentres, todos e todas os-as veciños-as manteñen, cos seus impostos, a cantidade destinada á agrupación de Concellos, presidida polo propio Alcalde de Leiro.
Os socialistas non entenden como, precisamente, o Alcalde de Leiro non pon especial coidado en que se cumpran os acordos coa entidade que preside e deixa ao pobo de Leiro desamparado ante esta situación. O PSOE denuncia esta inoperancia manifesta e esixe a limpeza inmediata dos contedores que están a por en risco a salubridade pública.
Do mesmo xeito, en aras do seu labor fiscalizador, o PSOE de Leiro, solicitou coñecer o contido de todos os expedientes de obras que se fixeron na localidade no que vai de ano 2016.
Así mesmo, reclaman coñecer os expedientes de contratación de todo o persoal que traballa ou traballou para o Concello, neste ano, ben sexa a través de convenios coa Xunta, coa Deputación ou través do goberno estatal. Tal como destaca o Portavoz, a desidia instalouse no Concello de Leiro pero tamén a manga ancha á hora de facer contratacións e obras, polo que esixen controlar o contido dos expedientes que poñen en xogo os cartos públicos que aporta toda a cidadanía.