O Enduro "Xtremo Mesego" que se celebra esta fin de semana alcanza relevancia internacional
Un centenar de pilotos participarán esta fin de semana na proba de Enduro “Xtremo Mesego”, que contará por primeira vez con representación internacional.
Así, hai inscritos un piloto francés e varios de Portugal. Ademáis, a proba deste ano, que vai na cuarta edición, terá o aliciente de contar con auténticos pilotos da élite de induro procedentes, sobre todo, do País Vasco, Navarra e Cataluña.
Entre eles, cabe destacar a Pol Tarrés, que foi campeón do mundo de trial junior, e que debuta nesta proba do Carballiño na modalidade de enduro; o navarro Josu Baraibar; o vasco José Artola, que gañou o pasado ano esta proba;o galego Joaquín Rodríguez, e o francés Peio Etxebesti, entre outros.
Dos cen pilotos inscritos, setenta e cinco son de fóra de Galicia, o que amosa o interese crecente desta proba no calendario nacional de Enduro, según dixo Juan Caderno Baranda, membro do Moto Club Extremo Mesego, que organiza esta proba, durante a presentación efectuada esta mañá na Praza Maior do Carballiño.
Neste acto tamén participaron o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, e Miguel Lois López, integrante do Moto Club Extremo Mesego. Dacal salientou a importancia deste evento deportivo, tanto pola calidade como pola participación, que conleva a ocupación de prazas hoteleiras, a dinamización do sector hosteleiro e do turismo na vila.
Pola súa parte, Miguel Lois agradeceu a colaboración do concello e patrocinadores, e convidou ao público a asistir a esta proba, que terá un prólogo o sábado pola tarde, fronte ao concello, e o domingo en Pena Cobertoira e zonas de monte.
PROGRAMA
A proba disputarase o sábado, 1, e o domingo, 2 de outubro. O sábado haberá un prólogo en Pena Cobertoira, a partir das 5 da tarde, e outro na Praza Maior, a partir das 7,30. E o domingo a proba comezará en Pena Cobertoira ás 11 da mañá, e rematará ás 5,30 da tarde coa entrega de trofeos.
O parque pechado e verificacións terán lugar no Bar Parque, Rúa Circunvalación.