Máis de 500 participantes esta fin de semana na ruta Bike&Trail da asociación "Os Mosqueteiros"

7, Outubro 2016

Máis de 500 deportistas, concretamente, 530, participarán esta fin de semana na VI Ruta Bike&Trail, que organiza a Asociación Deportiva Cultural Os Mosqueteiros no Carballiño. Trátase da maior convocatoria desta proba que, malia a súa curta historia, está acadando un lugar destacado no calendario de eventos deportivos deste tipo en Galicia.

A proba, que foi presentada este mediodía polo concelleiro de Xuventude, Diego Fernández, xunto con tres membros da asociación Os Mosqueteiros, Bruno, Óscar e Javier, consiste nunha ruta de bicicletas de montaña e un trail de montaña, que se desenvolverán o sábado, 8, e o domingo 9, no Carballiño e polos concellos de Boborás e O Irixo.

Así mesmo, por primeira vez, esta proba terá un carácter internacional, ao contar con deportistas procedentes de Portugal. Entre os 530 inscritos hai tamén deportistas de Toledo e Asturias, e de toda Galicia, segundo dixo Bruno, membro da organización, que agradeceu a colaboración dos patrocinadores.

A xornada do sábado, que comeza na praza da Veracruz ás 18,00 h., está destinada a correr (trail), e terá un percorrido de 24 km., mentres que a do domingo será de bike, con dous itinerarios, un curto de 40 km., e outro máis longo de 60 km, que partirá tamén da praza da Veracruz ás 09,30 h., segundo explicou Óscar.

O evento empezará o sábado, día 8, pola tarde coa entrega de dorsais nunha carpa disposta pola organización na praza da Veracruz. Neste mesmo lugar haberá varias tendas relacionadas co deporte e a saúde.

O concelleiro de Xuventude, Diego Fernández, destacou a importancia desta proba que, tras cinco edicións, está xa consolidada no calendario deportivo, sendo un orgullo para O Carballiño. Tamén resaltou o interese que suscita para promover o deporte e a saúde entre a xuventude.

ITINERARIOS

O trail do sábado, recorrerá as rúas da vila e seguirá por: Astureses, Feás, Xuvencos, Godás, Pontarriza, Paseo do Arenteiro, cunha distancia de 24 km. A saída está prevista para as 18,00 h., e a chegada ás 21,00 h.

O bike do domingo, terá dous itinerarios, un curto de 40 km., e outro de 60 km. A ruta irá por Madarnás, Xurenzás, Brués e cara ao Paraño, San Bartolomeu, Cameixa, Moldes, Pontarriza, Miomás, Paseo do Arenteiro e praza da Veracruz. A saída será ás 9,30 e a chegada ás 15,00 h.