Música e danza no Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral
O XXXIII Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral, que se celebra este sábado, 29 de outubro, no salón do Casino do Carballiño, terá como aliciente a interpretación dun tango polo grupo +QDANZA de Lalín, cun palmarés moi importante.
O festival, que contará coa Coral Polifónica Maruxía, de Bueu; o Grupo-Coral Santa Cecilia de Calvao, de Aveiro (Portugal), e coa Coral Polifónica do Casino do Carballiño, foi presentado esta mañá nun acto no que interviñeron o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; o director e secretario da Coral do Casino, Jaime González e Antonio Luis Santiago, respectivamente; e as profesoras do grupo +QDANZA, Yolanda Ogando e Marta Maceira.
Jaime González destacou a importancia deste festival, que conta cunha longa historia e que é unha referencia no panorama das corais afeccionadas de Galicia. Asi mesmo, incidiu na calidade das corais invitadas a esta edición e na ampliación de programa a unha exhibición de danza coa colaboración do grupo +QDANZA de Lalín.
Precisamente, en relación a esta cuestión, as profesoras Marta Maceira e Yolanda Ogando sinalaron o reto de interpretar un tango clásico “El día que me quieras”, en dúas parellas de mulleres, tal e como se bailaban os tangos nos seus inicios, por parellas de homes ou mulleres, co acompañamento dun pianista e unha escenografía con 4 cadeiras. Ambas profesoras amosáronse encantadas de colaborar coa Coral do Casino e co Carballiño para ofrecer este espectáculo, co que estaban moi ilusionadas, segundo dixeron.
Pola súa parte, o concelleiro de Turismo agraeceu á Coral do Casino o traballo que veñen desenvolvendo dende 1983, sendo auténticos embaixadores do Carballiño en Portugal e en moitos outros lugares por donde teñen actuado ou traendo corais ao Carballiño.
Finalmente, Antonio Luis Santiago fixo un chamamento aos veciños do Carballiño e da comarca para asistir a este evento, que culminará coa interpretación conxunta dunha canción polas tres corais participantes.