O documental "Sons no Camiño" do IES Chamoso Lamas, segundo premio no OUFF Escola
O documental Sons no Camiño,producido polos alumnos do IES Chamoso Lamas gañou o segundo premio no OUFF Escola, no que participaron máis de 3000 escolares de toda Galicia.
O proxecto foi realizado por un grupo de 17 rapaces e rapazas de 4º da ESO dentro do programa internacional de pedagoxía do cine Cine en Curso, que coordina en Galicia o CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe).
Durante o pasado curso contaron coa presenza no centro do director Ángel Santos e a colaboración dun grupo de profesores para a realización da película que se centra nos pobos e habitantes do Val do Varón.
Na gala de entrega de premios do festival acudiron os alumnos e os profesores, acompañados do cineasta e o director do centro,recollendo o galardón que recoñece o seu traballo. Durante a gala exhibíronse as diferentes películas premiadas.
A peza documental xa poido ser vista en varios festivais internacionais de cine, tanto no noso país como noutros, polo que foi subtitulada polo CGAI a varios idiomas para a súa exhibición.