"Carballiño Comedy 2" traerá nos próximos meses ao auditorio a destacados monologuistas
O novo ciclo de humor “Carballiño Comedy 2” traerá ao auditorio cinco destacados monologuistas do panorama artístico nacional e galego.
Trátase de Enrique SANFRACISCO, Ángel MARTÍN, Álex O´DOGHERTY e os galegos Xosé A. TOURIÑÁN e Carlos BLANCO. Enrique Sanfrancisco abrirá o ciclo o 10 de decembro, e o pechará Carlos Blanco o 8 de abril. Touriñán estará o 14 de xaneiro; Ángel Martín o 18 de febreiro, e Álex O´Dogherty o 4 de marzo.
O prezo de cada monólogo mantense en 10 euros se se adquire de forma anticipada, e 12 euros o día da actuación na billeteira. A venta anticipada realízase nos restaurantes A Fuchela e Comonacasa, ou a través da web TICKETEA.COM.
Tanto o concellleliro de Cultura, Diego Fernández, como os productores de Moitamerda Producións, Juan Pablo Quintela e Indalecio Caballero, que presentaron hoxe o evento, resaltaron a superación do listón do cartel da primeira edición, que foi xa moi importante, e que suscitou o interese de preto de 1.500 persoas, cunha media de 300 espectadores por sesión.
Diego Fernández agradeceu á productora a súa aposta polo Carballiño como vila ourensá de referencia de espectáculos de ámbito estatal que non se terían conseguido doutro modo, e animou aos carballiñeses, aos veciños da comarca e aos da provincia en xeral a acudir a estas sesións que son como un bálsamo para esquecer os problemas cotiás e divertirse.
Destacou así mesmo o significado deste ciclo para a hostalería local, xa que atrae a xente de fóra e contribúe á dinamización das cafeterías, dos mesóns e dos restaurantes os sábados de espctáculo.
O produtor Juan Pablo Quintela referiuse ao apoio do concello do Carballiño á cultura e destacou o interese amosado polo concelleiro para que este ciclo se siga desenvolvendo na vila carballiñesa a pesar da forte competencia que existe con outras vilas e capitais de Galicia. Dixo que a productora Moitamerda Producións, que organiza o ciclo en colaboración co concello, fixera un gran esforzo para conseguir un cartel de renome como o que se presentaba, e que nalgún caso os espectáculos son rigurosa estrea en Galicia, como é o caso do humorista Ángel Martín.
Tamén dixo que se quería comezar cun primeiro prato do máximo nivel como o que representa o artista Enrique Sanfrancisco, que actuará o sábado 10 de decembro. Para este monólogo xa se poden adquirir as entradas de xeito anticipado.
Todas as sesións celebraranse en sábado e co mesmo horario de comezo, ás 21,00 h., tal e como xa sucedera no primeiro ciclo.