A Mancomunidade Turística promociona en "Xantar" os eventos gastronómicos e culturais
O pulpo á feira do Carballiño foi protagonista unha vez máis na inauguración do 18º salón gastronómico internacional Xantar.
Os concelleiros de Turismo e Cultura, Diego Fernández e Xosé Manuel Dacal, así como o alcalde, Francisco Fumega, foron, xunto co alcalde de Leiro e presidente da mancomunidade turística Terras do Avia, os anfitrións na recepción das autoridades que se detiveron no stand a degustar o pulpo, as cañas fritidas do Cerviño e os melindres de xema do Corral, xunto co pan de Cea e o viño do Ribeiro.
O Carballiño promove nesta feira a Festa do Pulpo e os eventos festivos e gastronómicos máis próximos, como son o Entroido e a Festa da Cachucha.
O concello de Leiro difunde a celebración da Festa da Vendima, que se celebra nesta localidade ribeirán o derradeiro domingo de agosto, mentres que Boborás da a coñecer a singular e tradicional Festa das Mudacións e a súa secular Danza de Xuvencos. Ribadavia aposta pola Mostra Internacional de Teatro e a feira do Viño.
O salón Xantar celebrará este venres o día da Mancomunidade Turística Terras do Avia, polo que o stand desta asociación que integran os concellos do Carballiño, Ribadavia, Leiro e Boborás voltarán a ser protagonistas.