Guia para gozar dos entroidos do Carballiño, O Irixo, Piñor, Cea, Maside e Boborás
Un obradoiro de máscaras e o desfile e concurso de disfraces infantil, que se desenvolverán na Praza Maior, abrirán este sábado o ciclo do entroido no Carballiño, que se prolongará durante seis días ata o domingo de piñata, coa celebración da Festa da Cachucha.
O obradoiro de máscaras terá lugar de 11,30 a 13,30 h., e a festa infantil, con desfile, concurso de disfraces e animación do DJ Tibu, desenvolverase a partir das 16,30 h. Pola noite haberá concurso de disfraces e animación de entroido nos locais hostaleiros da vila.
O domingo é o día da murga con máis historia do Carballiño: Os Liborianos. Ofrecerán pasarrúas e interpretarán as súas tradicionais coplas do entroido a partir das 20,00 h., na Praza Maior.
Pero os días grandes do entroido no Carballiño serán o luns e o martes. O luns é día de feira e víspera de festivo, e haberá animación de rúa coa Charanga Mekánica, unha das mellores de Galicia, que combinará pasarrúas con microconcertos nas principais prazas da vila, a partir das 11,30 h. E pola noite terá lugar na Praza Maior unha das actuacións máis agardadas, a da orquestra espectáculo de Portugal Funçâo Públika, equiparable en montaxe e repertorio de efectos ás mellores orquestras de Galicia. Esta gran orquestra animará o baile de disfraces a partir das 11 da noite.
O martes é festivo. A día de hoxe hai xa preto de mil persoas apuntadas para desfilar coas comparsas polas rúas da vila, e espérase que esta cifra se dobre, pois ainda hai de prazo para inscribirse ata o luns. Hai máis de 5.300 euros en premios para os mellores grupos. Este é sen dúbida un dos actos centrais do programa do entroido, que congrega cada ano a milleiros de persoas chegadas de toda a comarca.
E o mércores de cinza o protagonismo será para Aspdisi, que se encargarán de representar o Enterro da Sardiña na Praza Maior. Ao remate do espectáculo ofrecerán unha chocolatada elaborada con leite da cooperativa de Loureiro.
E así chegaremos ata o domingo de piñata, 5 de marzo, no que se celebrará a XXIII Festa da Cachucha e haberá desfiles de folións e comparsas e animación de media ducia de charangas polas rúas e nos establecementos hostaleiros que ofrecerán o menú do cocido do entroido.
O Irixo. Ás cinco da tarde do sábado 25 está anunciada a concentración de grupos e comparsas na explanada do centro de saúde,a continuación sairá o gran desfile do entroido do concello do Irixo, a través das Laxas e A Ponte ata o grupo escolar. O concello do Irixo repartirá premios entre os mellores.
Piñor. O centro social de Cotelas acollerá a maioria das activiades programadas para a tarde-noite do sábado dia 25. Iniciaránse ás catro e media da tarde co entroido divertido para nenos, maquillaxe, e música. Pola noite, tamén no centro social de Cotelas celebraráse unha verbena e baile de disfraces amenizada co grupo "Marema".
San Cristovo de Cea. A programación ábrese o venres 24 co desfile infantil ás tres e media da tarde. O Sábado 25 ás cinco da tarde a Praza Maior de Cea acollerá un espectáculo de circo para nenos e maiores. O Lúns 27, a primeira hora da tarde daráselle a benvida ás carrozas de Mandrás e aos picapezas de Cea. No centro multiusos terá lugar unha gran festa infatil dende as cinceo da tarde coa actuación do mago Chirleta. E pola noite, o grupo AZAR amenizará a verbena do lúns de entroido na Praza Maior, con chocolatada á medianoite. Para o mércores dia 1 de marzo quedarà ainda o Enterro da Sardiña, ás oito e media da tarde,con procesión polas rúas de Cea, sardiñada popular na praza Maior, e fin de festa coa charanga "Os Centellas".
Maside. 250 nenos e nenas do colexio Terras de Maside protagonizan o desfile infantil na xornada do venres 24. O dia grande do entroido masidao será o lúns 27 a partir das cinco da tarde, non faltarán os tradicionais felos de Garabás, tamén se achegarán as sempre espectaculares carrozas do entroido de Parada de Amoeiro, e grupos e comparsas participarán no gran desfile polas rúas de Maside, con premios para os mellores. Ao final, chocolatada para todos os participantes.
Boborás. Ás nove e media da noite do lúns 27 están citados todas as persoas que queiran participar na "Noite dos Rodos" en Pazos de Arenteiro, deberán acudir ao punto de concentración, que será na ponte de Pazos. As persoas deberán acudir disfrazadas, sendo a costume que os homes fosen vestidos de mulleres e viceversa, ao remate, haberá un agapé para todos os participantes nesta actividade que este ano recupera o concello boborés.