Foxo e Felipe Senén compoñen "Pulpeiriñas do Arenteiro", a nova banda sonora da Festa do Pulpo
"Pulpeiriñas do Arenteiro” é o título da primeira canción que ten como referencia as protagonistas dun dos pratos gastronómicos máis populares de Galicia: as pulpeiras.
Con música de Xosé Luis Foxo e poemas de Felipe Senén, o director da Real Banda de Gaitas de Ourense e o historiador carballiñés están dando forma á primeira cantiga adicada ás pulpeiras e á Festa do Pulpo do Carballiño.
É unha composición creada para ser interpretada con gaita, pandereta, voz solista e coro, e susceptible de pasar a formar parte do elenco de cantigas populares que se solen cantar nas romarías.
De aí que Xosé Luis Foxo se decidise por unha modalidade musical a modo de romance, cunha parte lenta para ser cantada, ao xeito do cantar do arrieiro, combinada con outra musical máis rítmica, a modo dunha muiñeira antiga.
Así mesmo, as estrofas escritas por Felipe Senén teñen a estrutura dun cantigueiro popular, e recollen os elementos principais que acontecen arredor da tradición pulpeira do Carballiño. Son oito estrofas, cuxo número resulta coincidente co número de rabos do pulpo, otorgándolle, polo tanto, un gran simbolismo.
Esta composición é unha iniciativa promovida polo concello do Carballiño, a través das concellerías de Cultura e Turismo, para dar maior realce a este evento gastronómico e conquerir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional que, tanto Xosé Luis Foxo como Felipe Senén, acolleron dun xeito absolutamente desinteresado e cunha gran ilusión.
Está previsto realizar nas próximas semanas unha grabación desta cantiga, que terá como subtítulo “Himno da Festa do Pulpo do Carballiño”, co obxectivo de que sexa a canción que abra un CD adicado ás cantigas populares con intervención da Real Banda de Gaitas de Ourense, ademáis doutras formacións e artistas.
Así mesmo, efectuarase unha presentación pública desta composición nun lugar emblemático do Carballiño. Para isto estase á espera de pechar un calendario conxuntamente coa Deputación, por tratarse da primeira festa de intererese turístico internacional que podería acadar a provincia.
O concello do Carballiño "quere agradecer a Xosé Luis Foxo, a Felipe Senén e á Deputación provincial de Ourense a colaboración prestada para crear e dar difusión a esta composición, que redundará na promoción da Festa do Pulpo pero tamén da provincia como símbolo das manifestacións festivas e gastronómicas de Galicia".
O obxectivo do concello do Carballiño "é acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e por iso estase elaborando un programa de presentacións que axuden a conseguilo e para o que se contará coa implicación da Deputación Provincial e da Dirección Xeral de Turismo, con que existe unha estreita relación".