O concello do Carballiño volve superar a barreira dos 14.000 habitantes, tras dous anos de retroceso no padrón municipal
O padrón municipal do concello do Carballiño rexistra neste momento 14.036 habitantes, o que supón recuperar a barreira dos 14.000 habitantes, que se perdeu hai dous anos, no 2014. Este dato, non obstante, non será oficial ate final deste ano cando se conte co aval do Instituto Nacional de Estadística, tras cruzar os datos de ambas administracións. O 31 de marzo quedará pechado o padrón municipal do 2016, pero o definitivo non será aprobado e publicado ate o 1.1.2017.
Constantemente prodúcense baixas e altas no empadronamento debido a múltiples circunstancias, polo que o reconto final interprétase dun modo diferente dende a administración local e a estatal. De feito, entre os datos municipais e nacionais pode haber unha variación de ata 30 ou 40 persoas. O segmento de poboación que máis sole fluctuar é o de extranxeiros, pero tamén acontece con residentes doutros lugares da comarca, de Galicia e nacionais.
En todo caso, a día de hoxe, no concello do Carballiño hai máis de 14.000 persoas empadronadas, e este é un dato que non se producía dende había dous anos, cando se acadou oficialmente un padrón de 13.999 persoas, e no seguinte, cando estaban empadronadas 13.913 persoas.
Cos datos oficiais, o padrón de habitantes do Carballiño con data do 1 de xaneiro do 2007 era de 13.983 persoas. Ao ano seguinte, pasou a 14.114, e a partir de aí foi medrando ata acadar 14.335 habitantes con data do 1 de xaneiro do 2013. O empadronamento con data do 1 de xaneiro do 2014 caeu ate as 14.123 persoas. O padrón de 1 de xaneiro do 2014 foi de 13.999 persoas. E o último padrón publicado, o do 1 de xaneiro do 2015, acadou unha cifra de 13.913 persoas.
En relación a este último dato, de confirmarse a final de ano o incremento do empadronamento ate algo máis de 14.000 persoas, teríase subido sobre un centenar de personas.
Para o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, é un bo dato que pon de manifesto a mellora que está a experimentar O Carballiño en moitas vertientes, e que, nesta referida á poboación, permite augurar un futuro ascendente e de maior crecemento en todos os sentidos. De feito, según di Fumega, este dato pode asociarse co feito de que O Carballiño e a súa comarca figuren por segundo ano consecutivo no Observatorio Económico da Provincia, que elabora a Deputación de Ourense, como a zona de maior ocupación e creación de emprego despois da capital. O Carballiño, asegura o alcalde, é hoxe un pobo moi atractivo para vivir e para investir, e estase comprobando cada día máis.