Politica Social aumenta as horas dispoñibles no servizo de axuda no fogar no concello de Cea
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo no seu despacho de San Caetano un encontro co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares Fernández.
Os dous dirixentes abordaron a necesidade de seguir incrementando a cobertura da atención a persoas dependentes. Ao respecto, Rey Varela recordou que se vén de aumentar en 840 horas anuais as dispoñibles dentro do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que a Xunta presta en colaboración co concello, ata alcanzar un total de 11.268 ao ano.
Este incremento permite ter na actualidade unha ratio de cobertura próxima ao 95% neste municipio de Ourense. Así mesmo, o titular de Política Social lembrou a achega económica que realiza a Administración autonómica ao Punto de Atención á Infancia, así como o concerto que mantén coa residencia de iniciativa social “La Saeta” e ao que destina máis de 140.000 euros para o financiamento de 12 prazas.
Por último, Rey Varela e o primeiro edil de San Cristovo de Cea manifestaron a súa vontade de seguir afondando nas liñas de colaboración entre as dúas administracións co compromiso de buscar conxuntamente unha política social axeitada que se adapte as necesidades da devandita localidade.