A Festa do Pulpo deste ano estará dedicada á cidade alemana de Nuremberg
O concello do Carballiño adicará a próxima edición da Festa do Pulpo á cidade alemana de Nuremberg, e máis concretamente, ao Centro Galego desta cidade, que o próximo mes de xuño cumplirá o 25 aniversario da celebración da súa propia Festa do Pulpo.
Por este motivo, e co obxectivo de ultimar a documentación que se precisa para a consecución da denominación de Festa de Interese Turístico Internacional, é polo que se lle adica a 55 edición da Festa do Pulpo.
Hai unhos días o alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, reuníronse no concello co presidente do Centro Galego de Nuremberg, Gerardo Arias González, un emigrante de Valdeorras, e con Ramiro Bieito Vilas, un emigrante carballiñés e directivo do centro, para comunicar esta decisión e analizar a realización dun acto para presentar a LV edición da Festa do Pulpo do Carballiño, coincidindo coa celebración da Festa do Pulpo deste centro galego. Os directivos amosáronse moi receptivos a esta proposta e dende entón trabállase conxuntamente para ultimar os detalles da presentación, que terá lugar o sábado 24 de xuño.
A Festa do Pulpo que organiza o Centro Galego de Nuremberg reúne nas últimas edicións a máis de 10.000 persoas, que acuden durante toda a xornada para degustar os produtos típicos da gastronomía galega de romaría, na que o pulpo á feira é o prato estrela, así como para disfrutar dun programa de animación cultural que inclúe grupo de gaitas e un concerto. Nesta ocasión, co gallo do 25 aniversario desta festa, haberá unha actuación de Cristina Pato.
A Festa do Pulpo do Centro Galego de Nuremberg desenvólvese na propia rúa na que se ubica a entidade, e que ese sábado, mediante unha autorización do concello, péchase ao tráfico co fin de poder acoller os actos e a gran afluencia de xente que congrega.
Na pasada edición, a Festa do Pulpo do Carballiño adicouse a catro cidades da Eurorexión, tres portuguesas (Vilanova de Gaia, Braga e Viana do Castelo), ademáis de Pontevedra. A repercusión que tivo nos medios de comunicación do Norte de Portugal foi moi importante para elaborar un dossier de prensa, que deberá completarse coas noticias que se xeneren nos xornais de Nuremberg e da rexión de Babiera, e que é un dos requisitos que se precisan para conseguir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional.
Ademáis, está previsto convidar a un representante dun medio de comunicación impreso de Nuremberg coa finalidade de que coñeza O Carballiño e acuda o domingo 13 de agosto á LV Festa do Pulpo para vivir e informar do evento. Para isto cóntase coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.
É a segunda ocasión na que a Festa do Pulpo se adica a Alemaña, pois no ano 1995 xa se lle adicou aos emigrantes galegos dese país, pero sen concretar en ningunha cidade. Tamén se lle adicou aos centros galegos e emigrantes galegos en México (1989 e 2009), en Arxentina (1987 e 1998), en Venezuela (1988), en Panamá (1999), en Cuba (1991), así como en comunidades autónomas españolas, entre outras deditorias dende hai trinta anos.
Neste intre estase elaborando o cartel da LV Festa do Pulpo do Carballiño, que terá como lema, ademáis dun pulpo, a imaxe do castelo de Nuremberg, que é un dos seus símbolos históricos da cidade.