Música dos 80, musical infantil, carnaval de verán e a feira medieval A Liorta, principais propostas na programación municipal para o mes de Xullo
A programación festiva e cultural prevista para este mes de xullo comezará o próximo sábado, día 8, coa Festa ¡VIVAN OS 80´s! Será un evento novidoso que comezará ás 7 da tarde nos locais de hostalería e que proseguirá ás 10 da noite na Pista Roxa, con diversas actuacións en homenaxe á música da década dos anos 80. Haberá tres grupos: o grupo local 33rpm versións do pop-rock dos 80´s; un tributo a Joaquín Sabina, co grupo Números Rojos, e un tributo a Queen, co grupo McKuin.
Esta festa, e ata unha ducia de eventos, foron presentados esta mañá polos concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Cultura, Diego Fernández. Ambos fixeron fincapé na cantidade e calidade da programación, que busca animar as rúas do Carballiño durante este mes de xullo e ofrecer un amplo abano de posibilidades de ocio e divertimento. Así mesmo, dixeron que o sector hostaleiro estaba totalmente entusiasmado e implicado coas propostas do concello.
O público infantil e familiar ten unha cita o venres 14, no auditorio municipal, co musical Mary Poppins, cuxa entrada costa 12 euros en venda anticipada.
Coincidindo coa feira do sábado 15, celebrarase o Carnaval de Verán 2017. O día anterior será o carnaval infantil cos nenos e nenas dos campamentos urbanos, e pola tarde-noite do sábado terá lugar o desfile de comparsas e charangas, pasarrúas a cargo de “Festicultores Troupe” e charangas, a animación dun DJ na Praza Maior, e a media noite un concerto do grupo “Gin Toni´s”.
Por segundo ano consecutivo, teremos a Feira Medieval “A Liorta” 2017. Será o venres, 21; sábado, 22, e domingo, 23. Haberá engalanamento das rúas e locais hostaleiros, animación de rúa, mercado medieval e carpa gastronómica. Anúncianse máis actividades que na primeira edición, como cetrería e combates, e o mercado medieval duplicará o número de postos do pasado ano.
No ámbito formativo, celebraranse do 25 ao 28 as Xornadas de Termalismo na Casa da Cultura, organizadas polo Instituto de Estudios Carballiñeses.
Por vez primeira desenvolverase o festival “HOLI PULPO”. Será o sábado 29. É unha proposta de ocio novidosa, que inclúe unha carreira dende a Praza Maior ás 5 da tarde, e a continuación un festival no parque municipal. O principal argumento para o divertimento é o uso de pintura ecolóxica e unha sesión musical na que participarán os DJ “DE MELO”, “THE PRIETO BROTHERS” E “BIG BROWSERS”. O prezo da inscrición é de 10 euros, que inclúe unha camiseta e outros agasallos.
Na noite do sábado 29 tamén se celebrará unha andaina nocturna guiada aos petroglifos de Cangues (Madarnás-A Esgueva). Unha actividade organizada e dirixida polos arqueólogos do Centro de Estudios Chamoso Lamas.
O domingo 30, como prólogo das Xociviga 2017, terá lugar a proxección na Praza Maior da película El bosque animado, coa presencia do director José Luis Cuerda.
Tamén haberá música de rúa os domingos pola tarde na Praza Maior, a cargo de grupos locais, e bailes para os maiores no parque municipal.
Finalmente, a biblioteca municipal oferta unha serie de actividades infantiles de animación á lectura, contacontose obradoiros para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Haberá unha actividade na praza de abastos, “BIBLIOPRAZA”, o martes 11 de xullo, e outra nas piscinas,“BIBLIOPISCINA”, o xoves 20.