Deputación e a "Ruta do Viño do Ribeiro" potenciarán o enoturismo
A Deputación de Ourense e a Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" cooperarán para promover o enoturismo e as actividades relacionadas con esta modalidade, co obxectivo de difundir os valores enolóxicos, culturais, históricos, gastronómicos e turísticos dun dos enclaves vinícolas máis importantes de España e da súa denominación de orixe.
Así o acordaron Manuel Baltar e Felicísicimo Pereira, presidente da Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro", na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, na que o presidente da Deputación amosou o interese do ente provincial por formar parte da dita asociación e comprometeuse a destinar nos orzamentos de 2018 un total de 30.000 euros para que a "Ruta do Viño do Ribeiro" non teña problemas de supervivencia, para darlle un impulso e para colaborar nas actividades da asociación e contribuír así á promoción enoturística do Ribeiro.
A Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" está integrada por máis de cincuenta socios, que conforman unha rede establecementos de hostalería, enotecas, aloxamento e comercio, xunto a institucións e oficinas de turismo, que abranguen unha ampla oferta ao redor do viño do Ribeiro.
A Deputación de Ourense vén apoiando ao sector vitivinícola na provincia de Ourense a ás súas catro denominacións de orixe porque, segundo Manuel Baltar, "é un ámbito estratéxico da nosa economía e temos que seguir impulsando iniciativas que permitan visualizar a importancia que ten en Galicia e nacional e internacionalmente a produción vitivinícola ourensá". Neste sentido, accións de internacionalización como a recente misión USA-Ourense ou as reunións periódicas entre Deputación e consellos reguladores "posicionan e favorecen alianzas e oportunidades comerciais, para seguir distinguindo os nosos viños entre os mellores do mundo".
Baltar expresou, asemade, que a Deputación de Ourense seguirá mantendo en 2018 unha partida de axudas para os catro consellos reguladores por importe de 50.000 euros para cada un deles, "coa finalidade de apoialos nos ámbitos promocionais e tamén en aspectos relativos á produción vitivinícola".