O concello de Boborás reduce a débeda bancaria "a cero" e abarata o prezo da auga pública
O Concello de Boborás aprobou por unanimidade a eliminación da débeda con bancos a través dunha modificación orzamentaria na que se incorporou do remanente de tesourería 184.913,54 euros.
Desta maneira para este 2017, Boborás "pasará a ser un dos concellos de Galicia con débeda 0. A esta cantidade hai que sumarlle a xa reservada no orzamento para este ano, que eran 66.000 euros dos cales parte xa foron amortizados ao longo deste ano".
Para Patricia Torres, portavoz do grupo municipal de goberno tamén dixo que "este paso supón unha proba máis da saúde financeira do organismo, que paga en prazo tanto aos seu provedores coma a outras administracións nas que están incluída como o caso das Mancomunidades"
Outro dos puntos que se abordaron neste pleno foi modificación da taxa da auga, que foi aprobada con 6 votos do PP, a abstención de Xuntos por Boborás e os votos en contra de de Move Boborás. Na proposta da alcaldía, eliminábase o cuarto tramo de cobro que era de 5 euros para as actividades domésticas e de 6 euros para as industriais e hoteleiras, turismo rural, comercios. Ademais no tramo 2º, o concello amplia de 50 a 60 m3 de consumo.
Por outra banda, o pleno tamén aprobou o plan estratéxico de subvencións para o 2017, 2018 e 2019 por unanimidade. Serán a Banda de Gaitas, a asociación de pescadores, a de caza, o equipo de fútbol sala de Boborás, a Anpa, as emerxencias sociais, o cheque bebé os colectivos beneficiados, que xa estaban incluídos anteriormente, coa incorporación das axudas para material escolar para as etapas escolar de infantil, primaria e a E.S.O.
Tamén se aprobou cos votos a favor do Partido Popular da ordenanza sobre o transporte madeireiro nas estradas municipais. O grupo de goberno entende preciso regularizar esta actividades para controlar o dano sobre os viais locais. Deste xeito as empresas madeireiras terán que facer unha comunicación previa sobre a tala e depositar unha garantía segundo a tonelaxe a transportar sendo os importes dende os 150 euros a partir das 20 toneladas ata aos 3.000 euros para máis de 1.000 toneladas. Será o arquitecto municipal o que valore o estado dos viarios afectados antes da actividade e despois da mesma para definir os danos nas mesmas, de non haber ningunha consecuencia sobre as estradas, a garantía será devolta integramente.
A conta xeral 2016 tamén foi aprobada unicamente cos votos do grupo de goberno, neste caso a portavoz popular manifestou que fora aprobada na Comisión de Contas e "non tivo ningunha alegación e cumpre tanto a estabilidade orzamentaria como a regra de gasto deixando un resultado positivo de 208.000 euros", subliñou Patricia Torres.
No canto dos festivos locais para o 2018 quedaron determinados coma sempre os 13 de xuño; San Antón e o 19 de setembro; A Saleta.
Por outra banda e cos votos do PP tamén se aprobou unha modificación de crédito por valor de 20.000 euros para acometer obras de mellora nas seguintes estradas; Cardelle, Brués-Pontevella, acceso á Ponterriza e núcleo, acceso a Vilachá e estrada Brués a Balboa. Estas obras serán acometidas pola Brigada de obras da Deputación de Ourense, quen valorou os traballos en 36.828,08 euros dos que o Concello de Boborás terá que aportar o correspondente ao material de construción que ascende a 17.831,66 euros.
Finalmente tamén se elixiu por unanimidade o nomeamento da xuíza de paz de Boborás, que será Ana María Gómez Pena.