A Xunta proxecta a construcción dunha área de servizo na AG-53, no municipio de Maside
A Xunta ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto da obra e explotación dunha área de servizo na AG-53, á altura do Concello de Maside.
O prazo para a presentación de alegacións está aberto ata o vindeiro 8 de novembro.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/h5fbzM
A parcela na que se localizará a futura área de servizo pertence á parroquia de San Miguel de Armeses, no límite co veciño concello de Punxín.
Estas intalacións ubicaranse entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750 da autoestrada, a maior parte delas na marxe esquerda, empregando só a dereita para dotar de acceso á mesma. A parcela conta cunha superficie irregular e atópase parcialmente explanada e sen vexetación na súa parte máis central.
Na actualidade, están executados os carrís de aceleración e deceleración en ambas marxes, así como a rotonda, parte dos viarios de acceso e o paso superior. O deseño da área de servizo que se somete a información pública, con acceso desde a AG-53, é perfectamente compatible coa posible execución nun futuro dun enlace nese punto entre a AG-53 e a N-541, na zona limítrofe entre os Concellos de Maside e Punxín.
Instalacións
O proxecto contempla a dotación de tanques para o almacenamento de combustible: un para gasóleo; outro para gasolina; e outro, con dous compartimentos, para gasolina e gasóleo especial. Este punto tamén contará con catro puntos de recarga de vehículos eléctricos.
A gasolineira tamén disporá de dous equipos de subministro de aire e auga, un para abastecer a vehículos lixeiros e outro para pesados.