O concello de Piñor quere consolidar a "Festa dos Callos" que celebra este domingo a 2ª edición
O Concello de Piñor ultima os últimos detalles da que será a segunda edición da Festa dos Callos que terá lugar o vindeiro domingo día 8 de outubro.
O xantar terá lugar a partir das 14h no lugar de Arenteiro nunha xornada dominical ao que está previsto que asistan aproxidamente 300 persoas. As entradas están á venda nas dependencias municipais e nos bares do concello de Piñor. O xantar ten un custe de 12 euros e inclúe empanada, lacón asado, e callos como prato principal acompañados de pan de Cea; bica manteigada , viño, auga, refrescos e café.
Os callos serviranse nunha cazola individual de barro conmemorativa da xornada coa que concello agasalla a cada un dos asistentes. Dende o comezo da xornada poderase observar o proceso de elaboración deste produto estrela, característico da nosa gastronomía galega e presente en todas as cociñas dos fogares de Piñor.
Ademais haberá un mercado de produtos tradicionais e artesáns na que haberá postos de bisutería, alimentación e outros produtos de artesáns.Tamén se celebrará unha concentración moteira.
O Alcalde de Piñor, José Luis Gonzalez, celebra "que poidamos dar continuidade a unha festa que serve de unión entre a veciñanza e que o concello de Piñor poida consolidar no tempo esta celebración como unha data que teña cabida na axenda gastronómica de Galicia e que ó mesmo tempo sexa un motivo máis para que os ourensán e galegos se acerquen a descubrir Piñor. Temos fermosas paisaxes e sendeiros que percorrer e que son descoñecidos, neste sentido a xornada de mañá contribúe a dinamizar e dar a coñecer o Concello".
Despois de comer un grupo porá música para desfrutar dunha xornada de baile ata as 20:00 horas aproximadamente na que está previsto o remate.
A Festa gastronómica está organizada polo Concello de Piñor na que colabora económicamente a Deputación de Ourense, a través dun dos seus programas para a exaltación dos produtos típicos,do INORDE.