A Xunta declara "proxecto singular" o presentado por GRI TOWERS no parque empresarial do Carballiño, onde investiría cinco millóns de euros e crearía 57 postos de traballo
A Xunta de Galicia declarou “proxecto empresarial singular” o presentado por una empresa interesada na adxudicación en dereito de superficie dunha parcela no parque empresarial do Carballiño.
A adxudicación deste terreo realizarase unha vez que a compañía presente as garantías e documentación establecidas. Con esta actuación, a empresa interesada prevé investir nesta parcela arredor de cinco millóns de euros e crear ata 57 postos de traballo.
A promotora deste "proxecto empresarial singular" é "GRI TOWERS GALICIA", coñecida popularmente no Carballiño como "a empresa dos eólicos". A superficie que ocuparía, de concretarse este proxecto, está situada ao final do vial no ten a súa factoria no parque empresarial carballiñés.
A declaración de proxecto empresarial singular responde á importancia da actividade e o investimento previstos, ademais de ao feito de que a empresa solicitante xa se atopa implantada no parque empresarial do Carballiño, co que ampliará as súas actividades na nova parcela.
Esta declaración facilita a adxudicación da parcela en dereito de superficie, de maneira que a empresa pagará un canon anual polo uso da parcela, que continuará sendo propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inda que a adxudicataria poderá adquirir a propiedade se o desexa.
O terreno que se reserva para este proxecto dispón dunha superficie de 17.171,08 metros cadrados e atópase na segunda fase do parque empresarial do Carballiño. O canon a pagar pola empresa adxudicataria será do 1,5% anual do prezo de venda durante os dous primeiros anos. Nos dous seguintes o canon será do 2,5% do prezo da parcela e a partir do quinto ano o canon pasará a ser o 3,5% do prezo de venda da parcela.
A adxudicación en dereito de superficie, aplicable tanto nos parques empresariais da Xunta como nos da empresa pública Xesutr, realízase polo prazo de 30 anos prorrogables por outros 30. Se a empresa adquire a propiedade nos dez primeiros anos, descóntase do prezo o 40 por cento das cantidades pagadas en concepto de canon.
No caso de que a compra se realice nos seis primeiros anos, aplicarase ademais unha bonificación equivalente á metade da vixente no momento de adxudicación da parcela. Dado que nos parques da provincia de Ourense se aplica unha bonificación do 50% sobre o prezo do solo, no caso de que a empresa adquira a parcela nos seis primeiros anos beneficiariase dunha bonificación do 25 por cento.