Crise no goberno municipal: Uxío Rodríguez renuncia como concelleiro de Servizos Sociais
O concelleiro e portavoz de Veciños de Piñor presentou un escrito no rexistro municipal do concello de Piñor no que comunica ao alcalde a súa renuncia como concelleiro-delegado de servizos socias e socio-sanitarios.
Uxío Rodríguez viña exercendo como tal dende o inicio do actúal mandato municipal, no que a súa formación -Veciños de Piñor- alcalzou un acordo de goberno co Partido Popular.
Non obstante, a falla de sintonía entre o grupo do alcalde José Luis González e o portavoz de Veciños de Piñor foi indo a máis no transcurso dos últimos meses, de tal maneira que esta próxima fin de semana Veciños de Piñor analizará a situación, e de non reconducirse a situación, todo indica que o acordo de cogoberno está a un paso da ruptura.
En declaracións a esta emisora de radio, Uxío Rodríguez manifestou que non tiña sentido continuar ao fronte dunha concellería que carece de competencias, ainda que o que máis lamentou "é que se nos ningunee, que non se valore o noso traballo, ou incluso que se nos poñan trabas, como ven sucedendo", asegurou.
Presentación da "Estratexia de Promoción da Saúde"
Foi, precisamente, unha das iniciativas promovidas por Uxío Rodríguez, na súa condición de responsable de servizos socias no concello piñorense.
O Concello de Piñor aprobou en pleno a adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias coa finalidade de promover a saúde e a prevención para mellorar a calidade de vida das persoas que residen no concello. Esta estratexia propón o desenvolvemento progresivo de intervencións dirixidas a gañar en saúde e a previr as enfermidades, as lesións e a discapacidade e o seu obxectivo final é fomentar a saúde e o benestar da poboación promovendo estilos de vida saudables e potenciando a seguridade fronte ás lesións.
O mércores día 15 de novembro terá lugar a presentación pública para dar a coñecer á poboación a adhesión do Concello de Piñor á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención ás 13:00 horas no Salón de Plenos do concello. Este mesmo día, con anterioridade a esta presentación terá lugar a creación dunha Mesa intersectorial no concello que será o instrumento para implementar esta estratexia e para planificar conxuntamente entre os diferentes sectores que a van compoñer o intercambio de información, a coordinación e avanzar cara a metas e resultados comúns.
Para posibilitar esta mellora da saúde e benestar da poboación é necesaria a implicación e coordinación de sectores que implementan políticas e actividades con impacto na saúde como educación, benestar social, medio ambiente, traballo e inmigración, urbanismo e planificación do territorio, transporte e mobilidade activa, ou economía e facenda. É necesario que dende o entorno local traballemos xuntos, articulando os mecanismos necesarios para participar na mellora do noso municipio xa que o ámbito local é un entorno esencial para mellorar a saúde e o benestar da poboación xa que dende o entorno local, podemos contribuír a mellorar la saúde da poboación mediante as políticas locais de saúde, educación, benestar social, transporte, medio ambiente, cultura, urbanismo, vivenda, deportes, seguridade, etc.
En definitiva, trátase de reorientar o sistema sanitario, os sistemas de información e a investigación cara a promoción da saúde e prevención da enfermidade e que as actividades doutros sectores teñan en conta á cidadanía. Preténdese implicar a toda a sociedade no desenvolvemento desta estratexia para que a poboación teña información e apoio relevante e de calidade para que poida modificar os seus estilos de vida e que sexan máis saudables.