Fumega e García anuncian unha primeira fase da remunicipalización da recadación, sen incluir os grandes impostos e taxas, ata que o concello non conte co persoal necesario
Máis do 90% da recadación total do que o concello carballliñés ingresa en concepto de taxas e impostos seguirá seguirá sendo de xestión indirecta, ata que o concello non conte co persoal necesario para xestionar a totalidade do servizo municipal de recadación.
Os impostos de IBI, IAE, Vehículos, Urbanismo, Multas ou Lixo que leva a Deputación, seguirán sendo recadados de momento por unha empresa externa, pero o concello xestiona neste momento ampliar a outras dúas entidades bancarias as alternativas para o seu pagamento, ampliando así o abano de posibilidades para evitar as longas colas que se producen na entidade que xestiona o pago de impostor e taxas.
O concello do Carballiño porá en marcha antes de fin de ano a primeira fase do plan de municipalización da recadación. O anuncio foi realizado esta mañá polo alcalde, Freancisco Fumega, e o portavoz de Alternativa Veciñal, Bernardo García. Esta iniciativa supón que xa se poderá efectuar o pagamento dalgunhas taxas no concello como expedición de documentos do catastro, conservatorio e escolas municipais, distribución da auga, licencias de obras menores, etc… Esto facilitará que se podan pagar este tipo de impostos e taxas con tarxeta nun caixeiro que se instalará no concello, evitando ter que acudir a unha entidade bancaria.
Tanto Fumega como García explicaron que a municipalización da recadación era unha tarefa complexa, pero que, tras a implantación do programa informático específico para a recadación e a formación de dous funcionarios por cada departamento, será posible nesta primeira fase con carácter inmediato. E apelaron sobre todo ao beneficio que conlevará para a veciñanza, facilitando o pagamento, así como o control directo da recadación polo concello.
Francisco Fumega recordou que o inicio do proceso comezou a raíz dunha moción de AV-SON no ano 2015 para municipalizar a recadación. E Bernardo García referiuse á auditoría do ano 2011 co anterior goberno municipal, na que se constatou que había 3 millóns de euros sen notificar, e que prescribiran.
Esta situación persistiu na auditoría posterior, polo que se propuxo que o concello asumise directamente a recadación. Asemade, valoraron moi positivamente o significado da municipalización da recadación como unha mellora da democratización do funcionamento e transparencia do concello, pois permitirá saber en calquera momento e terminal informática a situación xeral e particular con respecto á recaudación.
Finalmente, ambos dirixentes referíronse ao remate da concesión do servizo municipal de auga por parte da empresa Viaqua, que será no ano 2021, co que se abre a posibilidade de otorgar unha nova concesión e, polo tanto, cambiar as condicións da prestación. Sobre todo, destacaron no tocante a solucionar a reparación das averías, que supoñen unha das queixas máis frecuentes da veciñanza.