O Transporte "Baixo Demanda" entra en funcionamento en 16 concellos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro
Un total de 16 concellos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro contan dende hoxe cun novo servicio de transporte público na modalidade “baixo demanda”.
Un servizo que está dende hoxe operativo nos concellos de Avión, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Ribadavia e Leiro, na comarca do Ribeiro. Dentro da comarca do Carballiño, o transporte baixo demanda está dende hoxe en funcionamento nos concellos de Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, O Carballiño, Piñor, Punxín e San Amaro.
Desta maneira, a Xunta pon en marcha dende hoxe, coincidindo co inicio das vacacións escolares de Nadal, o sistema piloto de Transporte á Demanda, unha medida que permitirá levar o servizo público de transporte a máis localidades e poboacións e, ao tempo, garantir a súa propia eficiencia e o aforro enerxético, pois o autobús ou o microbús só viaxará se hai xente que solicitara previamente o servizo.
Durante este tempo parte dos servizos transporte compartido entre escolares e adultos pasarán a prestarse baixo demanda. O usuario interesado terá que contactar cunha central de chamadas para reservar previamente a súa praza no autobús. Os usuarios disporán do teléfono 988 68 78 00, número único no que se centraliza un servizo que na actualidade se xestionaba a través dos teléfonos das diferentes compañías de transporte.
O novo sistema está dispoñible desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres laborais. Con esta franxa temporal dáse cobertura ás potenciais solicitudes. A reserva de praza para un determinado día poderanse pedir, polo tanto, ata as 20.00 horas do día anterior. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten distribuída a información precisa sobre a posta en marcha deste novo sistema a todos os concellos afectados e ás diferentes compañías de transporte.
Ademais toda a información estará dispoñible a partir do xoves que vén a través da páxina web www.bus.gal. Cómpre salientar tamén que o custe do servizo de transporte para o usuario non se verá incrementado pola utilización do sistema de petición, abonando as tarifas xerais do servizo de transporte. A través do 988 68 78 00 ofrecerase unha atención telefónica personalizada mediante axentes que coñecerán o sistema de transporte e guiarán ás persoas usuarias no proceso de realización da súa petición.
O usuario, logo de se identificar, indicará o concello e parada de orixe e o concello e parada de destino, e o operador informaralle dos horarios e servizos dispoñibles para a data na que pretenda viaxar. Nunha mesma chamada poderanse reservar varios servizos, ou prazas neles para máis dunha persoa.
As peticións de servizo serán rexistradas polo operador, coa incorporación de datos básicos para a identificación do solicitante ao que se lle indicará un código coa súa reserva. Esta reserva poderá ser anulada, igualmente, ata as 20.00 horas do día anterior ao da realización da viaxe.
O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando e, pouco despois das 20.00 horas, o conxunto de peticións formuladas para o día seguinte, estando obrigadas estas a atender as demandas de transporte comunicadas