O pleno da corporación municipal aproba 10 mocións do socialista Iago Fariñas, que propón distintas melloras en servizos e infraestructuras
Sete meses despois convocouse pleno ordinario no Irixo, foi onte xoves 21 de decembro de 2017, cuestión ésta criticada polo portavoz dos socialistas, Iago Fariñas Valiña, e tamén polo seu homólogo do grupo de Fai Irixo, únicos grupos da oposición presentes no pleno, do que están á espera dun informe de legalidade solicitado ó secretario municipal.
O Pleno do Irixo prolongouse dende as 11 h da mañá ata case as 13.30 do mediodía, no que destacou o traballo do concelleiro da oposición do PSdG-PSOE, Iago Fariñas Valiña, que defendeu as únicas 10 mocións presentadas que foron aprobadas na súa totalidade. Os socialistas consideran un despropósito que non se convoquen os plenos cada dous meses como establece a lexislación e que o último pleno ordinario fose no mes de maio de 2017, fai 7 meses, tendo incluso en varias ocasións anteriores que ser convocado por imperativo legal ou de forma extraordinaria a proposta da oposición para defender as súas mocións.
O portavoz socialista recriminou ó alcalde que o presuposto municipal continúe apostando por destinar a pagar os soldos, pagas extras e seguridade social a tres membros do goberno por dedicacións parciais por valor de 73.668,35 euros ou que non municipalice a limpeza municipal e destine o diñeiro aforrado a cuestións que fagan medrar e progresar o Irixo, como axudas á natalidade, ó emprendemento ou á formación e estudo dos estudantes do Irixo, segundo algunhas das propostas achegadas polos socialistas.
Tamén se lle recriminou que o goberno queira de presumir de ter unha situación económica saneada cando ten case 30 pobos sen alcantarillado despois de 31 anos e non inclúe ningunha partida para estas actuacións. O goberno aprobou cos votos en contra da oposición a súa “PROPOSTA DE ALCALDIA. APROBACION CONVENIO OBISPADO.” por 15 anos para a cesión do campo da festa de Santa María do Campo na que “O GOBERNO TEN PENSADO GASTAR UNHA IMPORTANTE CANTIDAD” en palabras do alcalde, "sen ser da súa propiedade" denuncian os socialistas.
O Bispado non aceptou unha opción de compra plantexada polos socialistas no anterior pleno, que lamentan que o concello non fixera nada por defender a propiedade dos veciños cando no ano 2015 o Bispado a rexistrou ante a pasividade do Concello, que manifestou en palabras do seu alcalde, nun pleno anterior, "que non se habían enterado".
"O Bispado rexistrou a propiedade a sabendas de que era e sempre foi dos veciños dende tempo inmemorial e así, edificaron con anterioridade, unha escola, hoxe velorio municipal, un depósito de auga ou máis recentemente o bar das festas", afirma Iago Fariñas.
Os socialistas propuxeron ó pleno e ó goberno municipal, solicitar un informe sobre a viabilidade de reclamar o Bispado a titularidade da propiedade para os seus lexítimos propietarios, os veciños da parroquia do Campo, atendendo a que o Bispado aínda rexistrou a propiedade no ano 2015, sen oposición do concello, e que posiblemente o faría apelando a que posúen a parcela dende tempo inmemorial, cando realmente quen a ven posuíndo dende tempo inmemorial son os veciños, polo que se deben defender os intereses dos veciños e pelexar a titularidade da parcela e, no seu caso, unha opción de compra, evitando revalorizar unha parcela cunha gran inversión que despois en so 15 anos se perdería a súa titularidade ou uso ou habería que pagar dobremente.
MOCIÓNS SOCIALISTAS APROBADAS:
- Moción para fomento da recuperación e rehabilitación de vivendas e edificacións do Irixo.
- Moción para a mellora da seguridade e sinalización das estradas do Irixo. -
-Moción instando ó concello a que se adopten medidas preventivas e de protección fronte ó lume.
- Moción para a convocatoria de axudas ós/ás estudantes do Irixo.
- Moción para o fomento do emprego no Irixo.
- Moción para dotar O Irixo dun espazo multiusos adicado á cultura, "casa da cultura".
- Moción para dotar de saneamento os case 30 pobos do Irixo que non teñen.
- Moción para a implicación do concello do Irixo na elaboración do plan de transporte público de Galicia.
- Moción para a construción dun gran Parque Arqueolóxico no Irixo.
- Moción para a urbanización con beirarrúas da estrada Abanico – Estación – Lama - Laiña. (esta última presentada xa fai máis dun ano, o 29 de abril de 2016, onde o goberno votou en contra)