Fitur acolle este xoves a presentación do Xeodestino Turístico O Ribeiro-O Carballiño
O presidente da Mancomunidade Turística "Terras do Avia" Francisco José Fernández avanzou no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio o que será a presentación do Xeodestino Turístico O Ribeiro-O Carballiño, no marco de FITUR 2018, este próximo xoves dia 18 en Ifema-Madrid, a partir das 14:30 horas.
O novo xeodestino turístico impulsará a comercialización de paquetes termais biosaludables, que incluirán hoteis, balnearios e o SPA do viño de San Clodio, e que ademáis incorporará o enoturismo como nova experiencia.
Ademáis de termalismo, natureza, patrimonio, gastronomia e festas, son os grandes piares deste xeodestino que abrangue os 20 concellos das comarcas do Ribeiro e O Carballiño.
Editaráse un catálogo de recursos turísticos, asi como un mapa de rutas culturais, entre outras iniciativas que serán presentadas en FITUR, no Stand de Turismo de Galicia.
O proxecto de promoción turística conta co apoio da Dirección Xeral de Turismo, a súa titular, Nava Castro asinaba un convenio de colaboración co presidente da Mancomunidade, polo que ven de aportar 80.000 euros para a posta en marcha deste Xeodestino Turístico, que inclúe tamén a creación dunha nova páxina WEB.
Fernández tamén confirmou a presenza da Mancomunidade Turística en Xantar, o salón gastronómico que na súa edición de 2018 celebraráse entre o 31 de Xaneiro e o 4 de Febreiro.