O Partido Popular anuncia unha axuda da Consellería de Cultura de 70.000 euros para a mellora da Biblioteca Municipal
Unha subvención que chegará con esta finalidade ao concello do Carballiño "despois de que tanto usuarios como a oposición, entre eles o grupo municipal do Partido Popular, reivindicaran en reiteradas ocasións o estado de abandono e as deficiencias das instalacións", subliñan dende o Partido Popular.
Asemade, engaden que "este investimento chega logo de que a Xunta enviara unhos técnicos para verificar e analizar o estado da Biblioteca, e de que nos últimos tres anos se perderan varias liñas de investimento por parte do concello do Carballiño e máis concretamente por parte da Concellería de Cultura".
Unha vez confirmada esta subvención por parte da Xunta, que se fará efectiva en dúas anualidades mediante un convenio que se deberá formalizar co concello do Carballiño, o grupo popular vai solicitar ao goberno municipal "que se habilite unha partida orzamentaria a maiores, para subsanar non so as instalacións senón tamén para poder contar con medios técnicos necesarios e con persoal cualificado para atender aos usuarios".
Finalmente, os populares non desbotan o consenso en relación ao acordo tomado no pleno da Corporación Municipal sobre "a necesidade nun futuro de ir pensando en buscar novas instalacións para adaptarse ao que hoxe se considera unha biblioteca moderna e adaptada como un centro de estudio".