O Carballiño pasará a formar parte da Asociación de Concellos que promoven o "Camiño Miñoto-Ribeiro" como ruta xacobea
Alcaldes, concelleiras e concelleiros de quince concellos adheridos á ruta xacobea do Camiño Miñoto Ribeiro, reuníronse hoxe no Carballiño para perfilar novas inciativas.
Neste acto confirmouse a adhesión do concello do Carballiño á asociación que promove a valorización desta ruta que vai dende Braga a Compostela e que cruza O Ribeiro.
O obxectivo é acadar a declaración de Camiño Cultural como paso previo para establecer unha nova variante do Camiño de Santiago, que está perfectamente documentada, sobre todo a partir do século XVIII, según dixo o presidente da asociación, o alcalde de Cortegada, Avelino De Francisco.
Para isto, vaise encargar un estudio perimetral do camiño en cada un dos concellos polos que pasa, así como efectuar a limpeza en cada termo municipal e proceder a súa sinalización e promoción a través de diversos medios, entre eles, a elaboración dun video.
O concello do Carballiño estivo representado nesta reunión polo teniente alcalde e concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, que se comprometeu en nome do alcalde a levar a adhesión canto antes a un pleno municipal para a súa aprobación, xa que é unha condición indispensable para formar parte da asociación.
Á ruta xacobea do Camiño Miñoto Ribeiro chamábanlle de antigo o Camiño dos Leprosos, xa que eran moitas as persoas enfermas que o transitaban buscando a súa curación, e para isto aproveitaban as augas mediciñais dos moitos manantiais e balnearios que hai nesta ruta.