A investigadora Mariña Arbor lidera o deseño dunha ruta turística de arte e lírica medieval entre os mosteiros de San Clodio e Oseira
A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares participa nun macroproxecto de investigación centrado no patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
No marco deste macroproxecto, investigadores da Rede están a desenvolver un proxecto piloto (Piloto I-Lírica), en colaboración coa Universidade de Porto, que afonda na historia, na arte e na literatura medievais. O obxectivo é deseñar e elaborar diversos produtos de carácter fundamentalmente divulgativo e de orientación turística, servíndose das máis avanzadas tecnoloxías da información.
A investigadora principal deste proxecto é Mariña Arbor, veciña do concello de Cea, profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago. Sinala que traballan “na análise das relacións que se verifican entre determinadas abadías cistercienses do sur de Galicia e do norte de Portugal e as familias nobres alí implantadas, así como no estudo da implicación que estas familias tiveron no primeiro cultivo e promoción da lírica galego-portuguesa”, co ánimo de “seleccionar espazos, autores, textos e música para dálos a coñecer entre un público non especializado” a través de aplicacións para móbiles e vídeos.
“Esta iniciativa pretende poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dunha zona que non só ofrece unha riqueza patrimonial senlleira, senón que constitúe o berce dunha tradición literaria que guiou o canon da poesía lírica no centro e occidente ibéricos entre os séculos XII e XIV” -salienta a profesora-. Os resultados obtidos no proceso de investigación divulgaranse mediante unha serie de materiais interactivos, audiovisuais e impresos, creados para que os visitantes da zona coñezan como se desenvolvía a vida cotiá a as artes na Idade Media, grazas ao legado que ese etapa histórica nos deixou.
O grupo de investigación de Románicas da USC posúe unha longa traxectoria investigadora no ámbito da literatura medieval, en particular na lírica galego-portuguesa. Trátase agora de aplicar todos estes coñecementos para divulgar a riqueza patrimonial medieval galega e portuguesa desde o punto de vista literario, histórico, relixioso, cultural, artístico e literario, situando a poesía no contexto que a viu nacer. “Inspirámonos en rutas culturais baseadas como as que existen para Dante en Florencia, para Cervantes en Castela, para Shakespeare en Londres ou, se pensamos nun autor contemporáneo, para Stieg Larsson en Estocolmo” -indica Arbor-.
Nesta liña, estase a traballar en áreas moi concretas do sur de Galicia e norte de Portugal para, no marco do Interreg, “promocionar zonas deprimidas pero de elevado potencial artístico”. O equipo de investigación seleccionou dúas áreas xeográficas moi concretas para desenvolver o proxecto, referentes do trobadorismo en Galicia e no norte de Portugal. Por un lado, traballan, en Galicia, sobre o territorio das antigas terras de Castela, onde nace este movemento literario e poético, en particular nos concellos ourensáns de Cea, Amoeiro, Vilamarín, A Peroxa, O Carballiño, Maside e Leiro; cubrindo un eixo que vai do mosteiro de Oseira ao de San Clodio.
Como autor destacado desta zona, escolleron a Fernan Paez de Tamallancos, trobador ben documentado que conta, ademais, cunha rica produción literaria. Trala revisión de todos os elementos patrimoniais, tanto civís como relixiosos, relacionados co Císter e coa liñaxe á que pertencía este poeta, neste momento os investigadores traballan no deseño dunha ruta turística na que, servíndose das aplicacións para móbiles como elemento guía para o visitante, se recollerán varios elementos principais e outros complementarios, de xeito que o usuario poida realizar a visita nun día ou en varios.
Estas aplicacións vainas desenvolver un equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS), liderado polo profesor Julián Flores. Ademais das rutas turísticas, elaboraranse pezas audiovisuais nas que se mostrará como se vivía nesa zona na Idade Media: a vida cotiá da nobreza, a súa relación coa Igrexa e co terceiro estado, e a súa implicación na promoción da lírica galego-portuguesa; “unha lírica que debe entenderse como un divertimento da corte, un produto refinado vinculado aos estratos superiores da sociedade, que cantaban e compoñían letra e música para o seu solaz”.
Os investigadores traballan tamén nunha segunda área xeográfica, que abrangue as dúas ribeiras do Miño e que vai desde a localidade ourensá de Ribadavia ata a vila portuguesa de Melgaço, pasando polos concellos pontevedreses de Crecente, Arbo e A Cañiza. Os trobadores ligados a esta zona que serven de fío condutor para o deseño e elaboración da ruta turística son Joan Soarez Somesso e Pero Meogo, autores que compuxeron algunhas das máis refinadas e exquisitas cantigas de amor e de amigo. Xunto ás correspondentes pezas audiovisuais, para esta área está prevista a realización dun vídeo lyric no que se utilizarán dúas cantigas de amigo de Pero Meogo -moi suxestivas polo erotismo que rezuman os elementos simbólicos nelas presentes-.
As pezas serán cantadas por Antoni Rossell, profesor de Filoloxía Románica e director do Instituto de Estudos Medievais da Universitat Autònoma de Barcelona, experto na Idade Media, ademais de intérprete e compositor. Gravarase na facultade de Ciencias da Comunicación da USC, baixo a supervisión do profesor Enrique Castelló. “Trátase, pois, de unir historia, arte e literatura medievais co obxectivo de crear produtos divulgativos que poidan ser desfrutados por un público moi amplo (de todas as idades e graos de especialización), aproveitando as potencialidades dos soportes electrónicos e de dar a coñecer unha parte do noso patrimonio literario, que se sitúa entre os máis ricos dos producidos na Europa occidental, cando o galego era a lingua na que cantaba toda a Hispania centro-occidental” -salienta a coordinadora do proxecto-.