Praceiros e concello organizan a "1ª Festa Praza con Ritmo", o vindeiro sábado dia 19
A praza de abastos, en colaboración co concello do Carballiño, organiza este próximo sábado, 19 de maio, unha gran festa na que haberá actividades infantís e concertos, e cuxo lema é: I FESTA PRAZA CON RITMO”.
O evento, que foi presentado hoxe polo concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e o presidente da asociación de praceiros, Eligio González "Quini", comezará as 5 da tarde na praciña exterior da instalación municipal, recentemente reformada.
A esa hora actuará o DJ TIBU, animando aos nenos e nenas con coreografías e olimpiadas populares.
Ás 7 actuará o grupo 4 MAIL QUARTET JAZZ.
E ás 8 o fará ROBERTO SOBRADO GRUPO, para presentar o seu novo traballo discográfico: Proletarios do Rock&Roll.
Na presentación do evento, Adolfo Nogueira sinalou que se trata dunha nova iniciativa encamiñada a seguir promocionando a praza de abastos como lugar de compras pero tamén como lugar de lecer e encontro cultural. Destacou a calidade dos concertos, así como a animación infantil e xuvenil, e asegurou que á praza só lle queda completar os postos vacantes para converterse nunha das mellores prazas das vilas galegas. Ao respecto dixo que nas próximas semanas convocará unha reunión para analizar as posibles propostas de cara á convocatoria do concurso.
Pola súa parte, Eligio González destacou os cambios levados a cabo na praza nos últimos tres anos, así como as campañas de promoción e sorteos realizados con gran éxito, e coincidiu co concelleiro Nogueira que é unas das mellores prazas de Galicia, e que cando se ocupen todos os postos, o será con seguridade. Por iso agradeceu ao concello, e a Adolfo Nogueira en particular, o labor desenvolvido durante este tempo a prol da praza e a constante preocupación por seguir mellorando as instalacións e a colaboración na promoción de actividades como esta gran festa do próximo sábado.