Polémica dos camelios en Julio Rguez Soto: o Goberno Municipal defende o procedemento seguido e invita ao Partido Popular a ir ao xulgado se advirte algunha ilegalidade
“A polémica sobre o proceso de replantación de novas árbores na Avenida Xullo R. Soto é estéril e infundada”, asegurou hoxe o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, durante unha rolda de prensa ofrecida conxuntamente coas concelleiras de Medio Ambiente, Érika Paz, e de Economía, Rita Soto, para informar do procedemento seguido no mesmo.
Este procedemento seguiu os pasos administrativos habituais na contratación do servizo, que se realizou dun xeito totalmente satisfactorio e dentro da legalidade, segundo dixo a concelleira de Medio Ambiente.
Érika Paz compareceu para "aportar toda a documentación que demostra a transparencia seguida en todo o proceso. Así, dixo que se realizou un informe a primeiros deste ano sobre a situación dos camelios e dos maceteiros, concluíndo que moitas árbores estaban secas e os maceteiros, moi deteriorados. Así mesmo, encargouse un informe técnico sobre o tipo de árbores máis axeitadas para esa rúa. E finalmente, elexíronse acebos de alta calidade, que son os que se colocaron", manifestou.
Engadíu que "despois pedíronse presupostos a tres empresas, como é preceptivo, seleccionando unha empresa de Mesego, que efectuou a mellor oferta económica e técnica".
"O encargo incluiu a totalidade do proceso: retirada dos camelios e dos maceteiros; preparación dos alcorques e plantación das novas árbores, así como a replantación dos camelios servibles nos terreos dos centros sociais das parroquias e a xestión dos inservibles, dos maceteiros e doutro tipo de refugallos derivados deste traballo", asegurou
"Esta empresa, tal e como o fai asiduamente, depositou temporalmente os camelios inservibles e os maceteiros nunha finca, chamando posteriormente a unha empresa de xestión de residuos da comarca para o seu transporte e reciclaxe" subliñou a concelleira.
Neste senso, a concelleira aportou unha carta da empresa onde explica este procedemento habitual, así como a recepción destes refugallos por parte dunha empresa de xestión de residuos da comarca. Mentras tanto, os camelios servibles foron replantados nos terreos dos centros sociais das parroquias.
Con estes documentos, que -según os responables municipais- "certifican a legalidade e transparencia de todo o proceso" Érika Paz criticou que o portavoz do principal partido da oposición puxese en cuestión o bo facer dunha empresa local, "que fixo un traballo de calidade, tal e como o manifestan os veciños da avenida Julio R. Soto, así como do concello, que diu solución a unha vella demanda veciñal para cambiar o que a todas luces era unha mala imaxe para esta céntrica rúa da vila",remarcou a concelleira.
Finalmente, Rita Soto, asegurou que "a finca na que se depositaron temporalmente os camelios e maceteiros retirados era propiedade súa e do seu marido, pero que este tipo de depósitos fano eventualmente moitas empresas da zona antes de que se fagan cargo deles outras empresas de xestión de residuos".
De feito, dixo que fora o seu marido o que lle dira o permiso, tal e como fai sempre coas empresas do sector, sen que haxa ningún tipo de interese particular nin calquera outro aproveitamento. Incluso, Rita Soto "asegurou que non se enterou deste depósito ata que o tema saiu publicado na prensa".
Por todo isto, dende o concello crese que o voceiro do PP "só busca obter certo protagonismo e rendimento político, incluso a costa de causar dano a unha empresa local que traballo con rigor".
E incluso o cominan a ir ao Xulgado, "se considera que se produciu algún tipo de ilegalidade, algo que é absolutamente falso".