A presentación do cartel pon en marcha a campaña de promoción da 56 edición da Festa do Pulpo
O cartel da 56 Festa do Pulpo rende homenaxe ao tango con motivo da dedicatoria desta edición ao Centro do Carballiño en Buenos Aires, que este ano celebra o centenario da súa creación.
O cartel é obra da deseñadora gráfica carballiñesa Ari Quintas Núñez, e foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega, os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente, o portavoz do grupo municipal do PP, Argimiro Marnotes, e a concelleira do BNG, Sofía García, así como a autora, Ari Quintas.
Unha aceiteira, unha tesoira, dúas talladas e un rabo, conformando unha parella de tango sobre un prato de madeira de pulpo, xunto co pimentón, son o elemento central do cartel, que ten unha gran plasticidade e resulta moi significativo desta 56 edición.
“Quixen realizar unha simobiose dunha parella de tango cos aparellos propios das pulpeiras e pulpeiros”, dixo ao respecto a deseñadora Ari Quintas, que se amosou moi honrada por ter a oportunidade de elaborar o cartel da Festa do Pulpo deste ano.
O alcalde, Francisco Fumega, referiuse ao recoñecemento dos emigrantes carballiñeses en Buenos Aires, dicindo que “a festa deste ano se lle dedica ao Centro do Carballiño en Buenos Aires co gallo da celebración do seu centenario, e por iso o cartel deseñado por Ari Quintas Núñez, simboliza dun xeito evidente a simbiose do pulpo co tango, que é un elemento moi significativo de Buenos Aires”.
“É unha idea orixinal que Ari Quintas plasmou dunha maneira moi plástica, e que estou seguro gustará moito no Centro do Carballiño en Buenos Aires. Pero o que é máis importante, creo que gustará tamén aquí, xa que se trata de promocionar a nosa festa máis senlleira e popular, e coido que este cartel terá moi boa acollida en todos os lugares polos que se distribúa, e será un magnífico cartel para difundir a Festa do Pulpo deste ano”, engadiu o alcalde.
Por isto, felicitou á autora do cartel e agradeceu a súa colaboración.
Ari Quintas, que reside na Coruña, ten realizado diversos carteis para a Feira da Pepa Loba e as Xociviga, así como para outros eventos culturais e festivos do Carballiño. Neste senso, o alcalde destacou o fondo carballiñesismo da autora, moi vencellada ao barrio de Flores, o cerne da vila.
O cartel comezará a distribuirse a partir de mediados deste mes de xuño.