"Este verán enchúfate coa Praza de Abastos" nova campaña promocional do mercado carballiñés
A praza de abastos comezará a campaña de verán este xoves, 7 de xuño, e rematará o 9 de agosto co sorteo dun televisior, un equipo de música, unha tablet, un teléfono móvil, un microondas, unha licuadora, unha aspiradora e unha caixa de viño Pazo Tizón.
Tamén está prevista a actuación o día 11 de agosto, víspera da Festa do Pulpo, do grupo de música tradicional galega Fetiche de Pau.
A campaña, que se desenvolverá co lema de “ENCHÚFATE COA PRAZA DE ABASTOS”, foi presentada esta mañá polo presidente da asociación de praceiros, Eligio González, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira.
Adolfo Nogueira destacou unha vez máis o traballo que leva a cabo a asociación de praceiros para promocionar a praza de abastos, así como todo o que se leva feito a prol da mellora das instalación nestes últimos anos, e asegurou que este tipo de ampañas estaban funcionando moi ben, ampliando a clientela e as compras no mercado municipal.
Por outra parte, incidiu na próxima conclusión do procedemento administrativo para a adxudicación dos postos vacantes da praza, e para o cal manterá unha xuntanza nos próximos días cos praceiros.
Eligio González tamén se referiu a esta cuestión dicindo que en canto se completen os postos baleiros, a praza de abastos do Carballiño sería unha das mellores de Galicia, e que de feito xa estaba recuperando unha boa parte do explendor que tivo antaño.
Reiterou o agradecemento ao concello e ao concelleiro polo interese amosado para mellorar e promocionar a praza de abastos, e cualificou a campaña de verán como unha das máis extraordinarias de cantas se levan feito.
A partir do 7 de xuño a clientela poderá depositar unha urna as papeletas cubertas que lle serán entregadas en cada un dos postos da praza pola realización das compras durante esta tempada de verán ata o 9 de agosto.