A segunda edición dos "Roteiros Culturais" ofrecen rutas guiadas polas 14 parroquias do municipio
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou xunto á concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Patricia Torres, e o arqueólogo Jorge Lamas os "Roteiros culturais 2018", unha iniciativa didáctica e de lecer que conta co apoio da Deputación de Ourense e que ten como obxectivo "pór en valor para veciños e visitantes o gran legado histórico e as calidades paisaxísticas do municipio de Boborás, unindo natureza e tradición nun dos concellos con maior riqueza patrimonial, un tesouro para os sentidos, que mantén viva a memoria do territorio", afirmou Manuel Baltar.
As rutas por 14 parroquias do municipio percorrendo os vestixios prehistóricos, a pegada romana, a flora e a fauna, os castros a época medieval e as antigas fábricas de papel, cera e serradoiros, son algunhas das propostas para esta edición. O presidente do goberno provincial destacou a intensa actividade cultural que mantén o concello de Boborás, "protagonista hai días coa entrega do premio "Losada Diéguez" en Moldes, e tamén como escenario para a rodaxe a última película de Isabel Coixet, no fermoso marco de Pazos de Arenteiro", engadindo que os roteiros "son un exemplo da alianza da Deputación de Ourense e Boborás para seguir promovendo os importantes valores culturais e históricos do municipio".
Patricia Torres dixo que os 84 quilómetros cadrados que ten o concello "contan cunha grande diversidade xeográfica, que poderemos contemplar nos roteiros, para os cales contaremos coa colaboración do historiador Xosé Luis Sobrado; o músico Juan José Álvarez; o biólogo Diego Reboredo, e o arqueólogo Jorge Lamas". Precisamente Lamas remarcou "o importante labor divulgativo que está a facer o concello de Boborás do seu patrimonio, un territorio que conta co rexistro de: 40 mámoas, cinco castros, pontes medievais, unha ducia de igrexas románicas e antigas fábricas da época moderna, factorías de papel, cera e serradoiros, lugares todos eles polos cales discorrerán os roteiros culturais", destacou. Ademais dixo que durante os percorridos os guías ofrecerán explicacións sobre a historia do viño na zona e tamén das minas romanas e as de principios do século XX, así como da tradición do mel na comarca.
Preto de mil persoas participaron na pasada edición nos roteiros, unha iniciativa de grande éxito que a Deputación de Ourense segue potenciando xunto co concello de Boborás para divulgar e protexer o patrimonio e o medio natural desta contorna. As rutas, que se iniciaron neste mes de xuño, continuarán ata novembro, os domingos en horario de 9.30 a 13.30 horas, sendo o punto de encontro o núcleo de Boborás. Os percorridos teñen unha distancia duns cinco quilómetros e a diferenza das andainas, nesta modalidade o grupo vai facendo paradas nas parroquias da contorna, onde os guías explican as peculiaridades de cada lugar.
As datas dos seguintes roteiros -actividade coa que tamén colabora o centro de estudos "Chamoso Lamas"- son: en xullo, días 8 e 29, Feás e Cardelle, respectivamente; o 4 de agosto en Moldes; en setembro, os días 2 e 23, Pazos de Arenteiro-Albarellos e O Regueiro-Feás; 0 14 de outubro, a ruta Laxas-Pazos de Arenteiro; e en novembro, os días 4 e 18, a ruta de Moreiras-Xendive e a de Cameixa, respectivamente.
Para participar non é necesario realizar ningunha inscrición, abonda con presentarse á hora de comezo da ruta no punto de encontro, recomendándoselle ás persoas que participen levar calzado cómodo, así como auga e froita ou froitos secos para o percorrido.