A Mancomunidade do Ribeiro mellora o equipamento do servizo da recolida de lixo cun novo camión
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou , xunto aos alcaldes de Leiro, Arnoia e Cortegada, na entrega á mancomunidade de concellos do Ribeiro dun camión para a recollida de lixo, acto que tivo lugar na sede de Talleres TAR, empresa subministradora do vehículo, situada no polígono de San Cibrao das Viñas. O presidente da mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, agradeceu a colaboración da Deputación nesta iniciativa medioambiental que supón investir con novo equipamento na recollida de residuos sólidos urbanos.
A Deputación de Ourense que achega un importe de 50.000 euros -dun custo total de 145.000 euros- ten na cooperación cos concellos e mancomunidades en materia medioambiental "unha liña fundamental de traballo, promovendo con tecnoloxía, innovación e boas prácticas unha xestión sustentable dos recursos e servizos", afirma Manuel Baltar.
O presidente provincial lembra que a Deputación de Ourense xestiona o servizo intermunicipal de recollida de lixo en diferentes puntos da xeografía ourensá, e tamén os servizos complementarios intermunicipais delegados de recollida selectiva e dos puntos limpos. Ademais, realiza o servizo de transferencia de residuos sólidos urbanos e o de lavado de contedores. No caso da mancomunidade do Ribeiro, que xestiona a recollida de lixo no seu territorio, a Deputación colabora coa compra deste vehículo "para seguir mellorando a calidade do servizo que se lle presta aos veciños destes concellos, e faino investindo en tecnoloxía ao servizo do medio ambiente", destaca Baltar.
No acto de hoxe, xunto ao presidente provincial, participaron os alcaldes de Arnoia, Cortegada e Leiro, Rodrigo Aparicio, Avelino de Francisco e Francisco José Fernández, así como representantes da empresa subministradora, quen explicaron as características técnicas do vehículo.