A XXVII Festa de Exaltación do Pan de Cea ultima os preparativos para a súa celebración esta próxima fin de semana
A XXVII Festa de Exaltación do Pan de Cea ultima xa todos os preparativos para a súa celebración, que se desenvolverá durante toda esta fin de semana, sendo o domingo, 1 de xullo o día grande. O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación do amplo programa de actos. O acto contou coa presenza do presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez; do presidente do ente provincial, José Manuel Baltar; do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares, e do pintor José González Freixedo.
“Agardamos que este ano poidamos vender arredor de 3.500 pezas de Pan de Cea durante a celebración no Campo da Saleta”, indicou Carlos Rodríguez. O presidente da IXP Pan de Cea encargouse de detallar as diversas actividades que se ofrecerán durante esta fin de semana á veciñanza e visitantes.
O pasarrúas das charangas darán aviso do comezo da xornada grande de Festa de Exaltación do Pan de Cea a partires das 10.00 horas. Ás doce da mañá, realizarase a recepción e autoridades no Campo da Saleta. Unha hora máis tarde, terá lugar o pregón, que nesta edición correrá a cargo do cociñeiro do programa de TVG, Adrián Díaz García. Unha vez finalizado este acto, ofrecerase unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e actuacións musicais.
Ás 14.30 horas comezará o tradicional xantar organizado. “Temos a previsión de que acudan unhas 500 persoas”, concretou Carlos Rodríguez. O fin de festa porano as diversas actuacións musicais que comezarán ás 17.00 horas no Campo da Saleta.
Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).
Mostra de pinturas
Unha das novidades deste ano é a cesión dunhas cadros por parte do pintor local José González Freixedo. Precisamente, a imaxe deste ano do cartel anunciador da XXVII Festa do Pan de Cea é seu. A maiores, cedeu outro cadro con este produto con selo de calidade e orixe como principal protagonista, que se poderá ver exposto durante a celebración. Unha valiosa aportación que agradeceron dende o Consello Regulador da IXP Pan de Cea, xa que “é outro xeito de poñer en valor os nosos produtos”, concluíu Carlos Rodríguez.
V Ruta dos Fornos e animación musical, o sábado 30
Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 1 de xullo, xa para o sábado 30 de xuño terá lugar a quinta edición da Ruta dos Fornos. A principal novidade deste ano “é a posibilidade de adquirir unha pulseira que, por 10 euros, dará a posibilidade de visitar todos os fornos gozando das súas experiencias gastronómicas, ademais de levar unha taza de recordo”, indicou o presidente do Consello Regulador. Carlos Rodríguez animou a veciños e visitantes a adquirir canto antes estas pulseiras, xa que “hai un número limitado de tazas”.
As pulseiras poderán adquirirse ata este venres tanto na Casa do Concello coma en distintos bares de Cea. Máis concretamente, nos seguintes: O Vaticano, O Pérez, Canela Drink, O Paxariño e Bar Praza. O propio sábado 30, poderanse adquirir só no Forno do Lodairo.
A V Ruta do Fornos poderase percorrer este sábado 30 de xullo entre as 19.00 e as 22.00 horas. As propostas gastronómicas nos cinco fornos participantes son as seguintes:
A) Forno do Lodairo: mexillón ao vapor, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, cervexa e auga
B) Forno da Parapeta: xamón ao corte, queixo Arzúa-Ulloa, embutidos tradicionais e viño branco e tinto
C) Forno do Santo: empanada de Pan de Cea con IXP Ternera Gallega, Queixo Tetilla DOP, embutidos tradicionais e viño branco e tinto
D) Forno do Abade: mexillón ao vapor, tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto
E) Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto
A V Ruta dos Fornos combinarase coa animación musical das agrupacións Cuncas do son e Zoadeira, Feitizo de Pau e as Pandereteiras do Forrollo. A verbena nocturna correrá a cargo do grupo The Tetas’Van, que ofrecerá un concerto a partires das 22.30 horas na Praza Maior de San Cristovo de Cea. Durante esta actuación, tamén haberá un barman que ofrecerá cócteis aos asistentes e realizará un sorteo de agasallos entre o público.