O PSOE denuncia que o alcalde de Leiro veta unha moción socialista para protexer á veciñanza do amianto canceríxeno

12, Xullo 2018

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o vergoñento e perigoso desleixo do goberno local do PP coa protección da saúde da veciñanza deste municipio ourensán, logo de vetar o PP, durante o último pleno municipal, o debate dunha moción sobre a necesaria protección da veciñanza fronte ás construcións levantadas con amianto ou asbesto. O rexedor conservador negouse a aceptar a urxencia da iniciativa, porque a proposta de acordo dos socialistas demanda que, como é lóxico, se inste a outras institucións públicas a colaborar neste inaprazable e necesario compromiso coa saúde das persoas, e polo tanto, a proposta nin sequera chegou a ser debatida.O

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, denuncia o “vergoñento e perigoso desleixo do PP cunha cuestión tan relevante como é a saúde pública, ante un material que, como é público e notorio, é moi nocivo para a saúde”. Rodríguez recorda que o amianto é prexudicial e está prohibido en toda a Unión Europea desde hai máis dunha década, polo que “é incomprensible que o alcalde non teña entre a súas prioridades a súa retirada das construcións de Leiro”. O voceiro do PSdeG-PSOE recorda que “ante a absoluta inacción do PP nas administracións públicas ó respecto deste tema fundamental, os socialistas si traballamos activamente para impulsar medidas a prol da protección da saúde e para a eliminación do amianto e doutros tóxicos". “É misión fundamental do goberno local velar polas demandas e preocupacións veciñais e isto é unha desas preocupacións”, asevera.

Rodríguez considera “imprescindible e inaprazable” retirar o amianto das canalizacións de agua e das restantes edificacións, e cree “fundamental” informar á poboación dos seus riscos. “Debemos dar a coñecer o procedemento adecuado de detección do amianto e os problemas que comporta para a saúde, así como o risco que supón a manipulación inadecuada para evitar problemas durante o proceso de retirada dos seus residuos”, asegura. Os socialistas anuncian que insistirán nesta necesaria proposta a pesar da vergoñenta negativa do alcalde, e salientan que é moi importante a “implicación das administracións autonómica e provincial porque o tratamento e retirada destes materiais é custoso e complicado pola súa perigosidade para ser feito en soidade polos veciños e veciñas e, por iso, moita xente segue a convivir con tóxicos nas súas casas”.