A " XIV Festa Mexicana de Avión" ofrecerá gastronomia, mariachis, piñata e actividades infantís
O Concello de Avión volverá, un ano máis, a poñer en valor a cultura de México por ser o país ao que emigraron unha gran cantidade de veciños do municipio e, por elo, o venres, 10 de agosto, Avión acollerá a XIV edición da súa tradicional "Festa Mexicana". A presentación desta celebración cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e a responsable da Festa, Isabel Gabián.
"Esta festa comezou a celebrarse no ano 2005 co obxectivo de homenaxear a un país que acolleu a maior parte dos veciños emigrantes do municipio", explicou Rosendo Fernández, que engadiu, "trátase dunha festa de carácter único e particular polas súas características, que ano tras ano medra e mellora, exaltando a música, a gastronomía e a cultura de México".
A festa, que comezará a partir das 18.30 horas, renderá homenaxe á cultura deste país ofrecendo aos asistentes música en directo a cargo de dúas agrupacións de mariachis, gastronomía tradicional a través de catro restaurantes mexicanos afincados en diferentes puntos da xeografía galega, e con actividades gratuítas para os máis cativos. Asemade, haberá sorteos de cestas con produtos mexicanos, así como o famoso xogo da "piñata", tanto para nenos como para adultos.
O alcalde de Avión explicou que esta festividade naceu co obxectivo de "render homenaxe a toda a emigración do noso municipio e para que sexa un sitio de encontro de moitos dos nosos emigrantes que durante moitos meses pasan o seu día a día nos distintos países". Por outra parte, Antonio Montero destacou o labor social desta celebración dado que "as piñatas son elaboradas pola xente do Centro de Maiores, e parte dos fondos que recadamos con isto son para eles para que poidan realizar as súas actividades".
A celebración pretende ser "unha exaltación da cultura mexicana nos seus distintos aspectos e tamén intentamos mostrala a través dos carteis da festa que, nesta edición, rende homenaxe á película de animación mexicana "Coco". O obxectivo é introducir cada ano novos elementos para dar a coñecer a cultura deste país", explicou Isabel Gabián.
En canto á asistencia de público, Antonio Montero explicou que "ano tras ano a afluencia de público vai aumentando, e esperamos que nos visiten como mínimo 3.000 persoas como nas últimas edicións". Neste senso, a responsable da festa lembrou que se trata dunha celebración "referente na nosa provincia e en toda Galicia, á que asisten tamén persoas de Asturias e Portugal".