O Festival de Teatro Galego adianta a súa celebración ofrecendo 3 dias de programación, do 22 ao 24 de Agosto
As artes escénicas galegas teñen unha nova cita no Carballiño, do 22 ao 24 de agosto, con motivo da celebración da XXIX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA, que por vez primeira na súa historia adiántase ao mes de agosto, xa que dende a súa creación sempre se celebrou no mes de Setembro.
A programación desta edición do Festival desenvolverase en tres localizacións do Carballiño: o Anfiteatro, a Casa da Cultura e o Auditorio. No anfiteatro as actuacións terán lugar ás 19.30 horas e comezarán o mércores, 22 de agosto, coa obra "Totum Revolution" da compañía Vueltos de Rosca. Ao día seguinte, será a quenda para a compañía Pistacatro coa obra "A vida tola" e o venres, 24 de agosto, actuará a compañía Duelirium coa obra "O que queda por chover".
As representacións teatrais que acollerá o Auditorio serán o mércores, 22 de agosto, a obra "Loló e Mamá" da compañía Destexeito; a obra "Elisa e Marcela" da compañía A Panadaría será o xoves 23 de agosto; e a obra "Chola a it girl" da compañía Artesa Teatro pechará o Festival o venres, 24 de agosto, coincidindo coa gala e entrega dos premios FETEGA "Dorotea Bárcena".
Tódalas actuacións terán lugar ás 22.30 horas. O programa de actividades complétase con animación na rúa, un obradoiro e unha mesa redonda que abordará o pasado, o presente e o futuro das mulleres na escena galega. A entrada será de balde para tódalas actividades, agás para as actuacións teatrais que teñen lugar no Auditorio, que teñen un custe de 10 euros.