As terrazas do Carballiño

31, Agosto 2018

Pasmado e coa aberta quedei ao ler unha denuncia na que o seu anónimo autor afirma que os de Marea teñen a intención de afundir a hostalería do Carballiño por aplicar a vixente ordenanza de terrazas. ¿Aplicar a vixente ordenanza que regula as terrazas na nosa vila é acabar coa hostalería?. Eu creo que non. Por si non o sabe o Carballiño é unha cidade sen lei en canto as terrazas, pois os hostaleiros fan o que lles peta pensando que as rúas son súas e o concello fai a vista gorda mirando para outro lado evitando por orde neste asunto.

¿Por que digo que os hostaleiros fan o que lles peta pensando que as rúas son súas?. Porque basta con ver o que pasou na semana da Festa do pulpo para entender o que pasa. Na Alameda onde normalmente hai unha fila de terrazas pasou esa semana a ter unha triple fila de terrazas. Nos xardíns que están ao carón do concello quedaron, totalmente, bloqueados polas terrazas que alí se instalaron o que impedía o tránsito aos peóns por esa zona véndose estes obrigados a transitar polo céspede destes xardíns. A baixada que vai dende a praza dos irmáns Prieto ata rúa Principal colocáronse tal cantidade de mesas e cadeiras que se chegan poñer unha mesas máis a dita baixada quedaría bloqueada por completo. As terrazas que se instalaron nos soportais da rúa Principal bloquearon en certo momento o tránsito por esa zona cando un grupo de clientes que estaban sentados alí xuntaron varias mesas e no remate da rúa Principal un coñecido local de hostalería pasou de ter unha fila de terrazas a ter dúas, ademais, o horario das terrazas se incumpre permanecendo estas ata ben entrada a madrugada.

Paréceme ben que os hostaleiros se gañen a vida coas terrazas, pero non cometendo tales abusos (parte dos cales teñen a culpa os clientes). O que non pode ser é que cando os hostaleiros posibilidade de facer negocio se multipliquen por arte de maxia o número de mesas e cadeiras das súas terrazas superando con creces o número de mesas permitidas que ten cada local. Hai unhas ordenanzas que regulan as terrazas que son de obrigado cumprimento e que os hostaleiros debería acatar e querer aplicalas non é afundir os seus negocios. Para desterrar estas malas prácticas o concello debería exercer un control sobre as terrazas, pero por desgraza isto non é así. Por todos estes motivos me parece ben a idea dos de Marea de regular e exercer un control sobre as terrazas, debéndose controlar o número de mesas, o horario, impedir que se bloqueen rúas, soportais e prazas e permitir que nos días festivos se permita ampliar en 3 ou 4 o número de mesas das terrazas e non deixar que se poñan o cento e a nai.