Seis comedias e un drama no cartel da "XI Mostra de teatro afeccionado" que organiza Tiruleque

28, Setembro 2018

Seis obras e unha máis fóra do certame, conforman o programa da XI Mostra de Teatro Amador, que organiza o grupo de Teatro Tiruleque, e que se desenvolverá os sábados e domingos entre o 7 de outubro e o 4 de novembro no auditorio Manuel María do Carballiño. Trátase de seis comedias e un drama, que foron elexidos polo xurado da mostra entre vintecinco propostas recibidas, según dixo o presidente de Tiruleque, Xosé Prada Martínez.

Por primeira vez, esta mostra de teatro instaura un Premio do Público que elexirá a mellor obra e que terá unha dotación de 500 euros. Así mesmo, os integrantes de Tiruleque designarán a mellor obra (que pode coincidir ou non coa do público), e que terá como premio acudir á duodécima edición do festival.

O evento foi presentado este mediodía polo presidente da compañía teatral carballiñesa e catro integrantes da mesma: Lidya Almonte, Floro González, Mª Carmen Fernández e Antonio Rey; así como polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

Diego Fernández destacou a importancia desta mostra de teatro Amador, que é unha das máis destacadas de Galicia, e asegurou que enriquece a oferta cultural do outono no Carballiño, e que por iso, e polo traballo de organización que require, facía un chamamento á veciñanza para acudir ás representacións.

Xosé Prada agradeceu a colaboración do concello do Carballiño e da Deputación de Ourense, que subvencionan a mostra, e referiuse á colaboración da Asociación fotográfica O´Potiños, que levará a cabo unha exposición de fotografías alusivas ao teatro no vestíbulo e na sala de exposicións do auditorio durante o certame.

Tamén agradeceu a colaboración desinteresada da autora do cartel, Chus Ogando, que xa deseñara o do pasado ano. Finalmente, aclarou que ainda que a mostra componse de seis representacións, o grupo facía un gran esforzo para ofrecer unha séptima.

Lidya Almonte e Floro González destacaron a gran calidade das obras tanto pola posta en escea como pola representación, e convidaron a todas as persoas que teñan interese polo teatro a integrarse no grupo Tiruleque e, por suposto, a asistir á Mostra.

Todas as obras darán comezo ás 7 da tarde e o prezo para cada función será de 3 euros.

PROGRAMA

-7 de outubro: DITIRAMBO TEATRO CORUÑA (Montrove-Oleiros) coa obra dramática “Anónima 18”.
-20 de outubro: O CATRE TEATRO (As Pontes) coa comedia “O medo meu”.
-21 de outubro: GARGALLADA TEATRO (O Barco) coa comedia “O xogo de Versalles”.
-27 de outubro: A.C.FAÍSCAS (Arteixo) coa comedia “UN FIAMBRE, UNHA ROSCA E UN CANCAN”.
-28 de outubro: TEATRO MUXICAS (Ourense) coa comedia “O inspector”.
-3 de novembro: O TRASNO TEATRO (Comesaña-Vigo) coa comedia “En venda”.
-4 de novembro: Grupo invitado MARTABELAS (Recesende-Teo) coa parodia “A cousa de Bernarda Alba”.