O congreso do C.E. Chamoso Lamas pon de manifesto a necesidade de protexer o patrimonio histórico, sobre todo no rural
A segunda xornada do X Congreso do C.E. Chamoso Lamas, que se desenvolveu no centro cultural de Melgaço (Portugal) puxo de manifesto a necesidade de protexer e conservar o patrimonio histórico, sobre todo no medio rural.
Esta chamada de atención fíxose durante a exposición dunha ponencia sobre o Conventiño dos Frades, granxa monástica de Aciveiro no Ribeiro.
É unha granxa que perteneceu ao mosteiro de Aciveiro, ao igual que unha bodega de gran interese e cuxas ruinas poden desaparecer para sempre.
A primeira referencia histórica que se ten desta granxa data do ano 1537, e fala dun lugar que estaba «junto a la Granja y del Paraíso».
Segundo Xosé Luis Sobrado, foi a primeira granxa monástica de Galicia, e atópase nunha situación de total abandono.
Xunto a Sobrado interviñeron nesta ponencia Juan José Álvarez, o arqueólogo Jorge Lamas, a historiadora Ana Gordín e o biólogo Diego Prado.
Tamén tivo moito interese o proxecto «Lírica», que se desenvolve no marco do programa Interreg, e que foi presentado pola profesora de Filoloxía da USC, Mariña Arbor, e a investigadora Carmen de Santiago, e que consiste na aplicación práctica da lírica medieval galaico-portuguesa para achegar á sociedade o coñecemento do patrimonio material e inmaterial.
Este proxecto, que estará rematado o próximo verán, permitirá a través de diversas produccións audiovisuais difundir este patrimonio medieval mediante tres rutas abarcando as comarcas do Carballiño e O Ribeiro e o norte de Portugal (Melgaço, Monçao e Fiais). Incluso haberá unha aplicación para poder seguirse polo teléfono móbil. E tamén están previstas a elaboración de guías en papel, videoclips, etc.
Ademáis, nesta xornada falouse das antigas escolas de Boborás, da Torre medieval de Godás e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Na xornada tamén se realizaron varias visitas culturais guiadas ás pesqueiras de Arbo, ás Termas do Peso e ao PN Peneda Gerés.