O Casino acolle este sábado o XXV Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral
Tres agrupacións corais -Coral Polifónica de Rodeiro (Lalín), Grupo Coral de Oiâ (Aveiro-Portugal) e Coral Polifónica Casino do Carballiño-, participarán este sábado no Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral, que celebra o seu 35 aniversario. A gala terá lugar no salón de actos do Casino este sábado, 20 de outubro, ás 20,30 h., coa entrada totalmente libre.
O evento foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiron, entre outros, o alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a deputada provincial e concelleira Teresa Cerdeira; o director da Coral do Casino, Jaime González Pichel, e a vicepresidenta desta agrupación, Pilar Caballero, entre outras representantes da entidade organizadora.
Francisco Fumega amosou o seu orgullo por contar no Carballiño cunha entidade coa historia e sona da Coral do Casino, que representa á nosa vila por todos os lugares por onde viaxa. E expresou os seus parabéns por acadar a 35 edición dun festival con tanta tradición e calidade como o Galaico-Portugués.
Diego Fernández sumouse á loubanza do alcalde e tamén lle agradeceu á Coral do Casino o mantemento ao longo do tempo do gran nivel do festival, así como do grupo.
Teresa Cerdeira expresou en nome da Deputación a satisfacción por colaborar unha vez máis con este festival, e reiterou a felicitación por acadar a 35 edición.
Jaime González Pichel referiuse ao gran nivel que teñen na actualidade as corais portuguesas e de aí a importancia deste festival. Neste senso, recordou a participación recente nun concerto en Guimarâes, e tamén destacou a actuación da Coral do Casino na Misa Pontificia de Coronación da Virxe do Corpiño como un evento musical salientable. Finalmente, realizou unha glosa das corais participantes nesta edición do festival.
Pilar Caballero pechou a quenda de intervencións agradecendo ao Casino, Concello e Deputación a súa colaboración, e anunciou as próximas citas do coral, entre as que están unha o 15 de decembro no auditorio Manuel María e outra o 25 do mesmo mes na Vearacruz. Pediu tamén o apoio do público para que acuda este sábado ao festival.
O programa do festival é ameno e variado. Así, a Coral de Rodeiro interpretará música popular de Galicia e Latinoamérica, entre outras músicas de polifonia; O Grupo Coral de Oiä ofrecerá o repertorio máis completo do festival con obras de compositores portugueses e brasileños, entre outros, e a Coral do Casino interpretará Tres Cantos Galegos (Rogelio Grobas-Julio Domínguez), Haleluja (Häendel), o tango El día que me quieras e un espiritual negro.