A Praza de Abastos pon en marcha a campaña de Nadal, que culminará o 22 de Decembro cun sorteo no que repartirá numerosos premios
A praza de abastos comezará a campaña de promoción do Nadal o 12 de novembro co lema “VIVE O NADAL COA PRAZA DE ABASTOS”.
Desde ese día e ata o 22 de decembro, as persoas que merquen na praza poderán optar ao sorteo de 5 vales de compra por valor de 50 euros cada un; 2 ciurcuitos termais no Balneario das Caldas, que inclúe piscina dinámica, canal de fleboterapia e cea; 2 “súpercestas” de Nadal; 10 entradas para os partidos do Arenteiro en Espiñedo; 10 entradas para as sesións do Cine Club Carballiño, e 1 caixa de viño Pazo Tizón. O sorteo terá lugar o 22 de decembro ás 13,00 h.
Esta campaña foi presentada polo concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; o presidente da Asociación de praceiros, Eligio González, e a representante da Adega Pazo Tizón, Raquel Cabo.
Adolfo Nogueira felicitou aos praceiros pola iniciativa, destacando sobre todo o esforzo e entrega do seu presidente, e anunciou novas iniciativas para o próximo ano, coincidindo coa celebración do noventa aniversario da praza, que foi inaugurada no ano 1929. Así mesmo, desexou que esta campaña tivese polo menos tanto éxito como as anteriores.
Eligio González “Quini” amosou, en nome de todos os pareceiros, a súa satisfacción por presentar unha nova campaña que tiña por obxectivo impulsar as compras na praza, e dixo que se poñía en marcha de novo con moito esforzo por parte dos postos da praza. Así mesmo, agradeceu a colaboración do concello, do C.D. Arenteiro, do Cine Club e da Adega Pazo Tizón.
Finalmente, Raquel Cabo expresou a sempre boa disposición da empresa para participar nesta iniciativa así como noutras semellantes que significasen un impulso para o comercio local.