Ernesto Pérez formaliza a súa renuncia á alcaldía de San Amaro. Fernando Redondo será o seu substituto e candidato do PP en 2019
O alcalde popular de San Amaro, Ernesto Pérez formalizou a primeira hora desta mañá no rexistro municipal a súa renuncia ao cargo “non só por motivacións persoais –afirmou- senón pola profunda convicción de que despois de case catro mandatos xa é o momento de abrir paso a novas persoas e novos proxectos para o noso concello”.
Pérez afirmou sentirse orgulloso de ter representado a San Amaro en todos estes anos, “cheos de traballo e moitas satisfaccións, en particular polo que supón axudar aos meus veciños”. O ata agora alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para o Partido Popular e o seu presidente, Manuel Baltar, quen precisamente subliñou o talante político de Pérez “tanto polo traballo desenvolvido nestes anos como pola súa disposición a deixar paso a unha nova etapa municipal, representando así a renovación que sempre caracterizou á nosa formación”.
Nesta liña, Manuel Baltar destacou tamén o compromiso e a capacidade de esforzo do ata agora tenente alcalde de San Amaro, Fernando Redondo (San Amaro, 1977) “xa demostrada tanto pola súa traxectoria profesional como pola súa experiencia na política local, pois acompañou a Pérez en varios dos seus mandatos”.
Redondo asumirá agora a presidencia da corporación local ata as eleccións de 2019, momento no que, confirmou Baltar, será o cabeza de lista do Partido Popular neste concello. Redondo, vencellado profesionalmente ao sector textil, é Diplomado en Administración de Empresas pola Universidade de Vigo, licenciado en Finanzas pola Universidade de Santiago de Compostela e está en posesión do master en Dirección e Xestión de Empresa pola antiga Escola de Negocios de Caixanova.
O próximo alcalde de San Amaro e candidato popular afirmou sentirse “agredecido polo apoio dos concelleiros que lle acompañan no goberno local, así como ao presidente provincial do PP pola confianza depositada en min”.