O concello pide á Xunta apoio para a humanización da rúa principal de Boborás
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión coa tenente alcalde do Concello de Boborás, Patricia Torres, á que lle trasladou o seu compromiso de analizar a posiblidade de colaborar no acondicionamento da capitalidade municipal deste concello, o núcleo de Boborás.
A conselleira e a representante municipal mantiveron unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese para o municipio, como a mellora da rúa Cristobal Colón, a que é a rúa principal do pobo de Boborás, e na que se ubica a casa do concello, o centro de saúde e a farmacia.
Vázquez Mejuto agradeceu á achega dunha copia da memoria do proxecto redactado polo concello, ao tempo que lle indicou que dará traslado á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co fin de que avalíe o contido do mesmo, así como o seu posible desenvolvemento.