Manuel Vázquez "Casalta" optará a un novo mandato como candidato do PP en Punxín
Manuel Vázquez Fernández “Casalta” (Punxín, 1941) volverá a encabezar a lista do Partido Popular en Punxín para as eleccións locais de maio, optando así a un terceiro mandato “e revalidar o apoio que sempre obtivo da veciñanza, cuns magníficos resultados que responden ao seu carácter humilde e traballador a prol do seu concello”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, tras facer oficial a súa candidatura.
Vázquez “Casalta”, á fronte do Concello de Punxín desde 2011, agradeceu as mostras de apoio recibidas para liderar de novo a lista popular, tanto por parte dos seus veciños como do propio partido, lembrando que así sucedeu “cando fun concelleiro nos inicios da democracia e, logo, trala miña xubilación, cando me convenceron para optar á alcaldía”.
O candidato agarda que o traballo feito ata agora “se reflicta nas urnas e nos permita consolidar os logros alcanzandos neste tempo, coa vista posta para un próximo mandato en seguir desenvolvendo un dos nosos potenciais como é o termalismo, o que sen dúbida conseguiremos co apoio da Deputación que sempre tivemos”.
“Casalta” apuntou ademais a súa total confianza nas persoas que lle veñen de acompañar no goberno local, afirmando que a súa intención “é seguir contando co meu equipo”.
“Máis que alcalde, o candidato é o primeiro veciño de Punxín, unha persoa moi apreciada, humilde e traballadora, razóns do seu éxito”, declarou pola súa banda o presidente provincial, Manuel Baltar, para quen “non cabe dúbida da súa lealdade e compromiso, primeiro con Punxín, logo co partido e por suposto con Ourense”.
Para os populares, engadiu Baltar, “é unha gran noticia que o candidato se atope con forzas, e telas dabondo, para afrontar un mandato máis no que seguir a realizar ideas e proxectos, nun concello estratéxico para a provincia no ámbito termal”.