A Consellería de Medio Ambiente eliminará 16 vertidos incontrolados no municipio
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda eliminará un total de 16 puntos de vertido incontrolado (PVI) en San Cristovo de Cea. Así llo avanzou a conselleira Ángeles Vázquez ao alcalde do municipio, José Luis Valladares, con quen mantivo unha reunión de traballo para falar de varios asuntos e proxectos de interese en materia medioambiental.
As actuacións previstas, que comezarán nos próximos días e terán un custo estimado de 75.000 euros, consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas –fundamentalmente residuos procedentes de traballos de construción e demolición, plásticos, madeira, pneumáticos fóra de uso, aparellos voluminosos, etc- e na posterior revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.
Cómpre lembrar que este tipo de intervencións enmárcanse nunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético. Coa limpeza dos PVI, perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados por estes focos, logrando a integración do lugar coa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.
Por outra banda, o rexedor tamén aproveitou a reunión para presentarlle á conselleira algún dos proxectos nos que traballa o seu equipo en materia de humanización de espazos urbanos. Neste sentido, Vázquez Mejuto comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración co concello e lembroulle que esta mesma semana saíu publicada no DOG a convocatoria dunha nova orde de axudas, dotada con case 2,5 millóns de euros, para crear ou mellorar infraestruturas urbanas en concellos de menos 50.000 habitantes.