O "Rali do Inverno" achega este sábado 50 deportivos clásicos ata O Carballiño
Cincuenta coches clásicos deportivos visitarán este sábado, 2 de febreiro, O Carballiño. E o farán dentro dunha etapa do Rali de Inverno para realizar, vinte anos despois, a mítica subida a Cabanelas e percorrer as principais rúas da vila cara á praza da Veracruz, onde se establecerá o parque pechado. Así mesmo, organización, conductores e copilotos xantarán nun restaurante carballiñés.
O XVI Rali de Inverno Catro Provincias para clásicos deportivos partirá de Santiago de Compostela na mañá do sábado para realizar un recorrido de montaña, pasando por Beariz e chegando ao Carballiño ás 13h15, onde terá lugar o xantar. A partir das 15h01, a caravana de 50 vehículos voltará a partir do Carballiño poñendo rumbo á provincia de Lugo, para rematar a proba en Vila de Cruces. Posteriormente os participantes retornarán a Santiago.
Hai que destacar que os coches que participan nesta proba están construidos entre 1950 e 1975, con automóbiles de marcas como Mercedes, Porsche, Jaguar, MG, Austin, Triumph, Alpine, Alfa Romeo, etc. Os concursantes proceden maioritariamente de fóra de Galicia, con nada menos que 25 coches chegados de Portugal e doutros puntos de España como Pamplona, Ávila ou Asturias.
PILOTOS DESTACADOS
Entre os seus conductores atopamos nomes moi coñecidos polos afeccionados ao mundo do motor, como o propio Diego Vallejo (recén chegado da súa participación no Dakar) e outros pilotos detacados na historia do automobilismo galego, como Chano Carrera, José Fontán, Moncho Valverde e Germán Gómez, entre outros.