O portavoz e candidato do PSOE insta ao concello do Irixo para "que poña en marcha un transporte público co Carballiño, especialmente os dias de feira"

12, Febreiro 2019

Os socialistas acusan ó goberno municipal de "maltratar á veciñanza, especialmente, ós mais maiores e incomunicados, que teñen que ir ás 7 da mañá a unha feira que aínda non empezou para abandonala sen aínda ter rematado".

Os socialistas queren un transporte entre O Irixo e O Carballiño os días de feira a unhas horas adecuadas "un transporte público municipal con preferencia para a xente máis maior, ou con limitacións en canto a súa mobilidade, ou que vivan sos. Un transporte a ampliar con outras rutas entre parroquias e ata o núcleo urbano en resposta ás necesidades de mobilidade da veciñanza".

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou unha MOCIÓN PARA CREAR UN TRANSPORTE PÚBLICO MUNICIPAL, ESPECIALMENTE OS DÍAS DE FEIRA, ENTRE O IRIXO E O CARBALLIÑO, na que fai a seguinte exposición de motivos:

PRIMEIRA.- Que os socialista xa presentamos en varias ocasións mocións en referencia á posta en marcha de transporte municipal entre O Irixo e O Carballiño.
Neste sentido se presentaron dúas mocións o pasado 6 de maio de 2016 “PARA CREAR UN TRANSPORTE PÚBLICO MUNICIPAL ENTRE O IRIXO E O CARBALLIÑO E PROPOÑER Á MESA DE TRABALLO Y/OU PLATAFORMA PARA A DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO EN TODA A COMARCA A CREACIÓN DUNS AUTOBUSES LANZADEIRAS ENTRE O CARBALLIÑO E OURENSE PARA TODA A COMARCA” e “PARA QUE O CONCELLO SE UNA Á MESA DE TRABALLO OU PLATAFORMA PARA TRABALLAR E DEFENDER O TRANSPORTE PÚBLICO EN TODA A COMARCA” ou tamén “PARA A IMPLICACIÓN DO CONCELLO DO IRIXO NA ELABORACIÓN DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA”.

SEGUNDA.- Que debemos recordar que O Irixo é un dos concellos máis extensos da provincia de Ourense con 121,05 km² que está moi preto de Carballiño, de Lalín ou de Ourense pero ó mesmo tempo moi afastado debido á falta de comunicación que se foi perdendo nos últimos anos ante a pasividade do goberno municipal.

TERCEIRA.- Que a pesar das propostas traídas ó Pleno polos socialistas e tamén por outros grupos nos últimos dez anos, o goberno municipal non fixo absolutamente nada por mellorar ás comunicacións do noso concello nin por poñer en marcha ningunha iniciativa propia que comunicase ou achegase á veciñanza entre si ou á vila do Carballiño que dista apenas dez minutos do noso concello.

CUARTA.- Que ademáis nos últimos meses vimos de asistir á perda dun dos poucos servizos en materia de transporte que existían no municipio como era o autobús que os días de feira do Carballiño permitía que a veciñanza sen outras posibilidades puidera achegarse á capitalidade da comarca a desfrutar da súa feira, para moita veciñanza un dos acontecementos sociais e unha oportunidade para saír do seu pobo. En lugar do transporte que existía ate fai apenas uns meses, agora a veciñanza deber usar o transporte compartido do bus escolar, boa iniciativa para optimizar os recursos, se non fora que un veciño que antes podía coller o autobús para ir a feira ás 10 da maña, agora debe facelo ás 7 cando o bus escolar recolle ós escolares do instituto que se despraza O Carballiño, para retornar ás 12 horas sen ter rematado a feira.

QUINTA.- Que nos parece un ataque directo á vida no rural, á calidade de vida dos nosos maiores e un despropósito castigar os nosos maiores que non dispoñen de medio de transporte nin medios para desprazarse ó Carballiño, ter que coller un autobús ás 7 da mañá para ir á feira para voltar ás 12, feito inaudito e que demostra a inexistente sensibilidade do goberno municipal e un maltrato a nosa veciñanza e falta de respecto os nosos maiores, ó non ser capaces de artellar un pequeno transporte mentres despilfarra miles de euros noutras cousas innecesarias ou en beneficio de determinadas persoas.

SEXTA.- Que son varios os concellos que ofrecen os seus maiores e dependentes un servizo de transporte diario.
Un servizo de transporte público municipal que podería ser para toda a veciñanza con preferencia para a xente máis maior, ou con limitacións en canto a súa mobilidade, ou que vivan sos.
Este servicio podería funcionar os días de feira pero tamén se podería ampliar con outras rutas entre parroquias e ata o núcleo urbano, e ir ampliando o servizo en resposta ás necesidades médicas de enfermos crónicos ou a outras necesidades de mobilidade da veciñanza.

Que dito todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando ó Concello a:

1º.- Que o Concello de O Irixo poña en marcha un transporte público municipal entre o concello de O Irixo e a vila do Carballiño os días de feira a unhas horas adecuadas ós horarios da Feira.

2º.- Que o Concello de O Irixo poña en marcha un transporte público municipal con preferencia para a xente máis maior, ou con limitacións en canto a súa mobilidade, ou que vivan sos.

3º.- Que o Concello de O Irixo poña en marcha un transporte público municipal, ampliando con outras rutas entre parroquias e ata o núcleo urbano e en resposta ás necesidades médicas de enfermos crónicos ou a outras necesidades de mobilidade da veciñanza.