A Xunta achega este martes a O Carballiño a campaña do bono eléctrico galego
O salón de plenos do Concello do Carballiño acollerá este martes 19 de febreiro, ás 19 horas, unha das xornadas incluídas na campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.
Esta iniciativa inclúe encontros en diferentes localidades para asesorar tanto á cidadanía como aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Nestas xuntanzas achégase tamén información sobre como aforrar na factura eléctrica, revisando o tipo de contrato e a potencia contratada, e valorando a discriminación horaria. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.
Tal e como se informará neste encontro no Carballiño, o bono social do Estado supón unha bonificación do 25% ou do 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo.
Este complemento, cunha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas- permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento de ata o 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico. Esta axuda compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas comercializadoras de referencia para evitar o corte de subministración entre os consumidores máis vulnerables.