O concello licita a renovación do pavimento nas rúas Marcelino Parrondo, Catro Camiños, Rega, Cornuval, Carballa, Vecente Risco e Xosé Fariña Jamardo, asi como en Mesego do Cabo e na parroquia de Seoane
O concello do Carballiño adxudicará nos próximos días dous proxectos de renovación do pavimento en varias rúas do casco urbano, así como en Mesego do Cabo e Seoane. A contía global da licitación supera os 225.000 euros, e finánciase con fondos do concello, cuxo orzamento forma parte do acordo alcazado na aprobación dos presupostos a finais do pasado ano entre o grupo municipal de goberno e o grupo do PP.
Trátase das rúas Marcelino Parrondo, Catro Camiños, Rega, Cornuval, Carballa, Vicente Risco, Xosé Fariña Jamardo e Mesego do Cabo, cuxo orzmento de licitación supera os 125.000 euros, así como diversas rúas na parroquia de Seoane, cuxo orzamento é de 100.000 euros.
Estes proxectos enmárcanse no plan de mellora das infraestruturas no casco urbano e nas parroquias, iniciado hai dous anos e que se intensificou nos últimos meses, a raíz da aprobación do orzamento do 2018.
Recentemente, asfaltáronse as rúas Alberto Vilanova, Aller Ulloa e tramo da estrada de Señorín a Treboedo, cuxo orzamento foi de 115.00 euros. E neste intre, renóvase o pavimento da rúa de acceso á igrexa de Mesego, campo da festa e rúa de acceso á estrada de Mesego, así como a continuación da beirarrúa ao Instituto Chamoso Lamas pola avenida do Parque, cuxo orzamento é de máis de 100.000 euros.
Tamén comezou hai unha semana a reforma das rúas do casco urbano, Cuba e Brasil, dentro dun proxecto que inclúe tamén as rúas Uruguay, Venezuela e República Arxentina, e cuxo orzamento global é de 270.000 euros.
Así pois, as obras que se realizan dentro deste plan neste comezo de ano superan un orzamento de 700.000 euros.
Anteriormente, o concello, xunto coa Deputación Provincial e Xunta de Galicia, procedeu á renovación do pavimento de diversas rúas e estradas do municipio, entre as que se atopan Ponterriza, Veiga, Pavillón de Deportes, Partovia e Señorín, no ámbito rural, e Aquilino Sánchez no casco urbano do Carballiño, esta última mediante o acordo dos orzamentos alcanzado con AV-SON, ao igual que a continuación da beirarrúa da avenida do Parque ata o Instituto Chamoso Lamas.